“A sexualidade non é única, hai moitas formas de expresala”

Anxela López [Imaxe cedida]

Conversamos con Anxela López, unha das protagonistas do documentario Yes, we fuck (Si, nós fodemos)

 

Anxela López é unha das protagonistas do documentario Yes, we fuck (Si, nós fodemos), un proxecto que visa “visibilizar o invisíbel” rachando “mitos e falsas crenzas” a respeito da sexualidade, a comezar polo feito de que as persoas con diversidade funcional –física ou psicolóxica-- non teñen sexualidade. “Somos capaces de dar e recibir pracer”, defende Anxela.  

Como é percibida a sexualidade nas persoas con diversidade funcional?
Négase a sexualidade polo feito de ser diferente, de non ter un corpo perfecto, un corpo Danone. Isto inflúe na túa auto-percepción. Semella que non vales para algo. Os medios de comunicación e a sociedade transmiten unha imaxe da sexualidade “perfecta”, de corpos perfectos influíndo na maneira en que a sociedade se expresa. 

A sexualidade é un dereito?
Todos somos seres sexuados aínda que existe un colectivo de persoas que se denominan asexuais. Dunha ou doutra maneira a sexualidade está presente nas vidas humanas e nos seres vivos que non son seres humanos. 

Fixeches parte do documentario Yes, we fuck (Si, nós fodemos), explícanos en que consiste o proxecto.
O seu obxectivo é visibilizar o invisíbel, a sexualidade das persoas con diversidade funcional e ir para alén diso. Non só quere facer visíbel senón facer unha reivindicación política, a de que somos capaces de dar e recibir pracer, que somos titulares de dereitos rachando coa idea de que a diversidade funcional é unha doenza e esa focaxe asistencial á hora de nos tratar, ese modelo reparador que tanto condena e nos discrimina por nos considerar improdutivas. O documentario, Yes, we fuck, ensina bastantes cousas quer ás persoas con diversidade funcional, quer ao conxunto da socidade e contribúe para rachar mitos e falsas crenzas. Parte da idea de que todos somos diversos e diferentes. A sexualidade non é única, hai moitas formas de expresala e non ten por que ser através de patróns impostos. 

Deconstrúe a idea de sexualidade?
Ensina a gozar doutra maneira, saber que hai outras formas marabillosas de gozar que non fican só na xenitalidade. 

Un dos asuntos que se tratan no documentario é a figura da asistencia sexual, unha cuestión non exenta de polémica...
A sexualidade é un tabú en xeral, imaxina cando se trata de diversidade funcional física e psíquica. No documentario tamén se aborda a esterilización en persoas con diversidade intelectual. É un tema moi polémico mais, por que vas mutilar a unha persoa sen o seu consentimento? É unha práctica que se está a facer. Hai que ensinar e educar. Hai que facelo doutra maneira. 

En que consiste a asistencia ou acompañamento sexual?
É unha persoa que te apoia na vida sexual, nas túas necesidades. No caso de aquelas persoas que precisamos asistencia na vida diaria temos dereito a explotar o noso corpo e coñecelo. 

"O acompañamento sexual ten a ver co dereito a decidir sobre algo tan básico como o teu corpo"

Está vencellado, nese senso, ao concepto dunha vida independente?
Si. Ao dereito a decidir sobre algo tan básico como o teu corpo sen que  ninguén te limite. Para min iso é básico. O resto da poboación pode facelo sen atrancos. Pensemos naquelas persoas que non entran no cánon de beleza pre-estabelecido, tamén teñen dificultades mais na auto-exploración poden facelo por si propias e, nese senso, contan cunha vantaxe. Así as cousas, a asistencia sexual tamén foi concibida para persoas tímidas ou que precisan un empurrón. Hai multitude de persoas que poden precisar ese acompañamento. 

Tandem Team BCN foi un proxecto pioneiro no Estado español. Na Galiza estase a traballar nesa liña?
Si, na Galiza a Asociación de asistencia persoal para unha vida independente está a iniciar un proceso semellante. A finais de novembro houbo unhas xornadas nas que se abriu o debate. Estamos traballando. 

Esta entrevista foi publicada no nº168 do semanario en papel como parte da reportaxe Diversidade funcional e dereito ao pracer.