Sexualidade animada e en feminino, así é a nova curta que reivindica o pracer das mulleres

María Lameiras, Manuel Reigosa e Mabel Lozano onte na presentación da curta de animación. (Foto: UVigo).
A Universidade de Vigo acolleu esta cuarta feira no campus de Ourense a presentación da curta de animación O pracer das mulleres importa, unha peza que conta coa dirección de Mabel Lozano, o guión da profesoras María Lameiras e Yolanda Rodríguez e o talento artístico de Marta Delas.

O Edificio de Ferro foi o escenario da estrea. Á presentación, ademais das creadoras da obra audiovisual, acudiu o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen desatacou o compromiso feminista da institución que dirixe e que se observa dixo, no ámbito académico, no campo da investigación, mais tamén na transferencia á sociedade de proxectos que buscan avanzar "no camiño cara á igualdade".

O pracer das mulleres importa é un só un exemplo, unha iniciativa das investigadoras do grupo Saúde, Sexualidade e Xénero da UVigo María Lameiras e Yolanda Rodríguez á que a cineasta Mabel Lozano lle deu forma coas achegas da ilustradora Marta Delas.

En palabras da directora, o traballo final é unha curta "atrevida, ousada e honesta" que busca chegar a todos os públicos, pero sobre todo aos máis novos. "Estamos nunha sociedade na que se está educando na pornografía" e que urxe, asegurou, accións creativas que contrarresten o peso dunha industria que erotiza a violencia e confunde a sexualidade real.

Pola súa parte, María Lameiras e Yolanda Rodríguez salientaron a súa aposta por unha curtametraxe audiovisual, cun formato e unha estética pensadas para achegar o pracer das mulleres a todos os sectores sociais. 

Para iso escolleron "mensaxes moi claras e directas", coa fin de abordar "coñecementos que consideramos fundamentais e que calquera cidadá debe ter". As responsábeis do proxecto poñen o foco na importancia do pracer das mulleres e na súa capacidade sexual, "ao mesmo nivel que a dos homes".

Desfán mitos e antepoñen palabras sen as cales sería imposíbel normalizar a sexualidade feminina. É o caso de clítoris, "unha palabra invisibilizada", arrancada do corpo e da cabeza das mulleres, "que aínda hoxe en día incomoda e moito". Vivimos, concluíu Lameiras, en "sociedades patriarcais nas que tamén se invisibiliza a capacidade de sentir das mulleres".

Un desafío ás bases do patriarcado

O pracer das mulleres importa. E son mulleres quen o reivindican. Esta vez nunha peza audiovisual de pouco máis de minuto e medio dirixida por Mabel Lozano. A idea orixinal é súa. O guión, de María Lameiras e Yolanda Rodríguez, profesoras da Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo. A imaxe, o son e animación son de Marta Delas.

A historia arranca na Antiga Grecia. O protagonista: o clítoris. Alí recibiu o seu nome. Desde entón e até hai ben poucos anos permaneceu acalado e ignorado pola ciencia. A anatomía completa deste órgano, cuxa única función é activar o pracer, non se coñeceu até hai un par de décadas. Por que ficou invisibilizado?, preguntan as autoras.

"Porque desafía os cimentos das sociedades patriarcais que se fundamentan na inferioridade das mulleres e, sobre todo, na falsidade da súa inferioridade sexual". As autoras apuntan unha "ablación física e mental" que arrebatou, de vez, o clítoris ás mulleres. O "potentísimo órgano de pracer" que agora reivindican para unha sexualidade plena.