Sexto incendio no parque natural do Xurés en 18 días

Terreo queimado polo grande incendio de comezos deste mes de febreiro en Muíños, na Baixa Limia. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Unhas 163 hectáreas arderon só este mes dentro deste espazo protexido. No que vai de inverno, no conxunto da Galiza queimáronse perto de 380.

A Consellaría do Medio Rural vén de dar por extinguido un incendio forestal na localidade de Muíños, na Baixa Limia, que afectou 0,03 hectáreas dentro do parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, segundo as últimas estimacións.

O fogo orixinouse contra as 21.10 horas desta segunda feira na parroquia de Requiás e quedou extinguido ás 22.17 horas. Até o lugar desprazáronse para o seu control un axente, unha brigada e unha motobomba.

Este é o sexto lume que afecta o parque da Baixa Limia-Xurés en só 18 días, nun inverno, o presente, no que xa arderon até o momento arredor de 380 hectáreas de monte no conxunto do país.

O pasado 3 de febreiro un primeiro incendio orixinado tamén en Requiás calcinou 0,3 hectáreas. Dous días despois, outro foco, desta volta iniciado en Portugal e que entrou na Galiza por Randín (Calvos de Randín), queimou outras 0,02 hectáreas.

Ao día seguinte, Muíños volvía ser protagonista cun fogo que empezou na parroquia de Prado de Limia e que no momento no que foi extinguido xa levara por diante até 160 hectáreas, sendo o de maior envergadura destas últimas semanas.

Outras 0,24 hectáreas deste espazo natural quedaron arrasadas no lume de Corvelle, en Bande, o pasado día 14. E o domingo víronse afectadas polas chamas 2,4 hectáreas máis —1,9 dentro do parque natural— após arder o monte en Araúxo (Lobios).

Tamén se viu especialmente afectado este mes o concello da Gudiña, na comarca de Viana, que padeceu dous incendios no prazo de sete días, facendo un total de 90 hectáreas queimadas. En Carnota, aliás, arderon 125 hectáreas noutro lume.