“Os seus beneficios, a nosa ruína”: mobilizacións en varias localidades galegas contra as casas de apostas

Concentración na Coruña. Imaxe fóra: @amarchacoruna Imaxe dentro: @silcerino

A convocatoria, a nivel estatal, denuncia as consecuencias duns negocios que se espallan por barrios e zonas próximas a centros de ensino na procura do “lucro a conta da clase obreira”

A Coruña, Boiro ou Compostela foron algunhas das localidades galegas que este domingo acolleron mobilizacións contra as casas de apostas, un negocio co que “eles se lucran e a clase obreira arruínase”, denuncian as convocantes.

A mobilización, convocada a nivel de Estado, incide nos prexuízos e perigos que representan estes negocios de xogo para sectores como a mocidade. “Aposta polo teu barrio” é o lema e compromiso que presidiu estas mobilizacións de rexeitamento do 'desembarco' destes negocios perante o que consideran desleixo e inderefenza das administracións.

O endebedamento, a adicción e a ludopatía conforman algúns dos elementos da cara máis negativa dun negocio que move miles de millóns de euros a costa de xogadoras e xogadores maiormente mozos. Semellan todopoderosas e de feito son omnipresentes. Están ao mesmo tempo na radio, na televisión, na internet, nas camisetas dos deportistas máis admirados... E cada vez máis, ao pé da casa e das escolas.

En centros comerciais e estacións de autobuses, a carón de escolas e parques infantís… Nada resiste a voracidade das empresas do xogo, que en pouco máis de cinco anos fixeron que o concepto de salón de apostas deportivas pasase de ser algo exótico a un elemento máis da paisaxe urbana co que hai que convivir, como a panadaría ou a lavandaría. Porén, entidades sociais, veciñais e expertos e expertas non se resignan e alzan a súa voz esixíndolle á clase política que tome medidas contra un fenómeno que, como a heroína nos 80, ten enganchados miles de mozos e mozas