Sete eólicos, arquivados por non superar os trámites ambientais

Parque eólico en Muras (A Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Recibiron declaracións de impacto desfavorábeis.
 

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou este 10 de marzo resolucións polas que se arquivan un total de sete parques eólicos tras non superar os trámites ambientais. Concretamente, a Dirección Xeral de Enerxías Renovábeis e Cambio Climático denega as solicitudes de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción destes proxectos, arquivando polo tanto os expedientes, atendendo a declaracións de impacto ambiental desfavorábeis formuladas entre 2023 e 2024 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

Os polígonos eólicos arquivados son, na comarca da Mariña: Caroliño, entre Cervo e Xove, promovido por Naturgy Renovables; Pequecho, entre Viveiro e Xove, tamén de Naturgy; e Hépotas II, en Muras, promovido por Hépotas SLU. Tamén se arquivaron a ampliación do polígono de Graiade, situado Porto do Son (comarca de Noia) e promovido por Eólica de Graiade; así como Fontella, entre Aranga e Oza-Cesuras (As Mariñas), e de Galenergy; Chan do Eixo, entre A Cañiza e Covelo (A Paradanta) e promovido por Parque Eólico Chan do Eixo; así como o polígono eólico do Merendón, entre os concellos de Oia e O Rosal, na comarca do Baixo Miño. 

No caso dos polígonos eólicos Pequecho e Caroliño, a promotora, Naturgy Renovables mostrou a súa conformidade co arquivamento dos expedientes, solicitando, aliás, a cancelación da garantía económica depositada. Nos restantes casos, as empresas promotoras presentaron alegacións ás DIA desfavorábeis, cuestións que foron rexeitadas por Medio Ambiente.