Saturados e desmantelados

Os servizos de información á muller adoecen

Os CIM ofrecen asistencia psicolóxica e asesoramento social, laboral e xurídico a mulleres vítimas das violencias machistas.
Os primeiros Centros de Información á Muller (CIM) da Galiza están a piques de facer 20 anos. Neste tempo convertéronse nun servizo imprescindíbel de xestión municipal que conta con fondos da Administración autonómica e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Insuficientes, segundo o persoal que atende a diario as necesidades das mulleres vítimas das violencias machistas.

O CIM é un recurso esencial. «Pero non abonda con que exista, hai que dotalo de recursos para que sexa un servizo eficaz», afirma Montserrat González, secretaria de Asocim, a asociación das profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller da Galiza.

O decreto de creación dos CIM data de 2004. O texto orixinal fixa tres figuras indispensábeis para cada centro: unha directora, unha psicóloga e unha asesora xurídica. Na actualidade, a maioría dos centros contan exclusivamente con estas tres profesionais, que en «99% dos casos se reducen a dúas traballadoras porque a norma permite que, ben a psicóloga ben a avogada, asuman a dirección do centro».

É o caso da secretaria de Asocim, que dirixe o CIM de Bueu ademais de exercer como asesora xurídica. Segundo di, «é incompatíbel» dado o número de casos que atenden e o tempo que lle dedican a cada un. «O traballo é cada día máis esixente, porque hai máis e porque os problemas que nos chegan non só requiren unha dedicación exclusiva, senón doutros perfís profesionais adicionais que permitirían unha atención integral máis axil».

Os CIM de hoxe en día non son os de hai 20 anos. De feito, en outubro de 2016 modificouse o decreto para atribuírlles novas funcións «pero non se fixo ningún cambio no capítulo de recursos mínimos, non se atenderon as nosas demandas, e daquela xa era evidente que a realidade á que agora debemos facer fronte é outra. É terríbel e estamos desbordadas».

Máis profesionais

Tamén no CIM de Pontevedra. «Estamos saturadas», recoñece Rosa Campos, directora e pisóloga do centro municipal de atención á muller. «O número de usuarias que buscan información e acompañamento multiplicouse. Xa non fican agochadas. Coñecen mellor os seus dereitos e os recursos dos que dispoñen para facelos valer”.

En Pontevedra, contan, ademais, cunha auxiliar administrativa, máis cun axente de igualdade que se encarga de coordinar toda a programación que deseña o centro. «Sen estas dúas profesionais sería imposíbel sacar o traballo adiante, xa que o volume de usuarias excede moitas veces a nosa capacidade».

Cada Goberno local fai o que cre que ten que facer, pero hai distintas formas e graos diferentes de facelo. Existe un forte desequilibrio en materia de igualdade.

Con todo, ninguén queda sen asesoramento. O que perseguen en cada CIM é axustar os recursos á realidade da súa contorna, ás demandas en materia de xénero e a outros perfís profesionais, como os de educadora e traballadora social, que mellor poden contribuír a un servizo de calidade. Pero a súa presenza, ao cabo, depende da vontade -e do investimento- de cada concello, que son os que deciden en materia de igualdade. «Cada Goberno local fai o que cre que ten que facer, pero hai distintas formas e graos diferentes de facelo», apunta Montserrat González. «Polo tanto, existe un forte desequilibrio en canto a execución de políticas de igualdade».

Desde Asocim critican as dificultades do rural para acceder en igualdade de condicións aos recursos dispoñíbeis. «Nas provincias atlánticas é doado atopar un CIM cada 10 Km. A dispersión da poboación nas provincias de Lugo e Ourense faino imposíbel. Nin sequera os centros mancomunados conseguen corrixir unha eiva asistencial que afecta especialmente ás máis débiles, que son as mulleres do rural e as maiores de 65 anos».

Violencia económica

A estes déficits, Montserrat González suma as «novas formas de violencia que castigan mulleres de todas as clases». Á violencia física, emocional e psicolóxica, engade a violencia económica. «Mulleres fóra das contas bancarias dos seus maridos, que non saben o que fan cos cartos; mulleres que teñen que pedir diñeiro para ir á compra. A min é a violencia que máis me conmove», asegura.

A maior parte das mulleres non saben que iso é violencia. «É humillante» porque lles nega a decisión de que facer co seu patrimonio, e case sempre «asfixia aos fillos tamén». González fai fincapé nunha práctica normalizada no país: 80% dos cónxuxes non pasan a pensión alimenticia aos fillos. «O Pacto de estado contra a violencia de xénero recoñece este impago como violencia económica, pero de nada serve se non se desenvolve ese compromiso».

Pacto de Estado

Montserrat González apela a un cambio urxente das políticas e das normas que afectan as persoas en materia de igualdade. «É importante dotalas económicamente pero tamén desenvolvelas desde o punto de vista social». Coincide Rosa Campos, que ve unha oportunidade no funcionamento dos CIM e no deseño de campañas e proxectos educativos apegadas á comunidade.

A tranformación social pasa por formar as xeracións máis novas, pero tamén os colectivos que traballan directamente coas vítimas de violencia machista: avogadas, xuízas, médicas, policías. As profesionais dos CIM botan en falta unha formación especializada que para elas é obrigatoria, ademais dun traballo de coordinación agora deficiente que debilita a calidade asistencial.

Neste sentido, láianse da parálise que sofre a execución do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que recolle axudas específicas para compensar a dispersión poboacional e romper o desequilibrio actual entre territorios; ou a creación de xulgados de violencia de xénero específicos que garantan o acceso igualitario á xustiza de todas vítimas independentemente de onde vivan.

Redestribución das axudas

Malia todo, a preocupación fundamental céntrase nas vítimas e no seu sufrimento. «Cada día entran pola porta mulleres que denuncian casos terríbeis» de violencia física e psicolóxica, explica Rosa Campos, «pero tamén recibimos casos novos, moi complicados, que esixen unha revisión dos medios e das axudas dispoñíbeis. Inmigrante ilegais, mulleres con patoloxías importantes», sen ordes de protección e maiores de 65 anos que precisan máis solucións das que se prevén . «Despois dunha vida entregada á familia, é moi duro verse separada e sen acceso ao mercado laboral, dependente dos fillos, se os ten, e se se prestan a axudala», engade Montserrat González.

O salario da liberdade -600 euros mensuais durante un ano- non é suficiente para quen non ten a opción de volver traballar. «Estas mulleres necesitan axudas por máis tempo e máis cantidade» para deixar de ser dependentes dunha situación de violencia, di a secretaria de Asocim, que tamén reclama unha redistribución dos recursos en función das necesidades específicas que de cada muller.