Servizos de emerxencias ven "falta de planificación" na masificación do Nadal de Vigo e alertan dos riscos

Tráfico na cidade de Vigo (Foto: Europa Press).

Veciñanza do centro da cidade clama contra un modelo de "turismo descontrolado", que atenta contra os seus dereitos.

Representantes de servizos de Emerxencias alertaron esta terza feira da "falta de planificación" con respecto á mobilidade e a seguridade na campaña de Nadal de Vigo e afirmaron que descoñecen os plans de tráfico e autoprotección postos en marcha polo Concello ante a previsión da chegada masiva de visitantes para gozar da iluminación e as actividades de lecer.

Así o trasladaron nunha rolda de prensa, convocada pola Asociación de Veciños Zona Centro da cidade, unha asociación que denunciou reiteradamente as molestias que sofren debido ás instalacións e actividades da campaña do Nadal, e que mesmo levaron este asunto aos tribunais.

Un portavoz do servizo de bombeiros da cidade, David Fernández, constatou que os veciños do centro e do resto de Vigo están a sufrir as "consecuencias da falta de planificación" ante un evento, como é a campaña do Nadal, que move grandes masas de persoas. Respecto diso, sinalou que o servizo de bombeiros non ten constancia do plan de autoprotección deseñado polo Concello para estas datas, e engadiu que, de feito, o plan municipal de emerxencias data de 2007 e non foi actualizado.

Segundo explicou este funcionario, a cidade de Vigo é "un monstro" desde o punto de vista da atención ás emerxencias, polas súas dimensións, polo número de habitantes, ou pola presenza de industria e dun porto. "Xa non é só un problema do Nadal, senón de todos os días", indicou.

Respecto diso, lembrou que o servizo de bombeiros segue baixo mínimos, e hai dous anos que se incumpre reiteradamente o mínimo de 20 efectivos que debe haber nos parques. A pasada sexta feira, cando a cidade quedou colapsada pola masiva afluencia de visitantes, o servizo de bombeiros contaba unicamente con 16 efectivos, coa dificultade engadida de que os atascos de tráfico impiden dar tempos de resposta efectivos.

Na mesma liña, o vicepresidente da Asociación Galega de Técnicos de Emerxencias Sanitarias, Alfredo Castro, constatou que, durante a campaña do Nadal e nos días de maior afluencia de xente, "os tempos de resposta aumentan entre 10 e 15 minutos", ou directamente faise imposíbel cubrir un servizo. Ademais, engadiu, os chamados "corredores de emerxencia" anunciados polo Concello, "non son tal, cando poden circular buses, taxis, peóns ou condutores da zona".

Así, puxo como exemplo o ocorrido a pasada sexta feira, cando unha ambulancia quedou bloqueada á entrada do túnel de Beiramar e "houbo que mobilizar outro recurso, que viña de Redondela". Nestes servizos de urxencias sanitarias, lembrou, o tempo é clave, porque moitas das persoas trasladadas padecen patoloxías cuxa evolución e diagnóstico depende precisamente do tempo que se tarde en atendelos e trasladalos a un hospital.

Pola súa parte, a presidenta da Asociación de Veciños Zona Centro, Alba Novoa, volveu denunciar que o Goberno municipal "impide" aos vigueses que viven nesta área ter "unha vida normal" durante os 2 meses de campaña do Nadal, atentando contra os seus dereitos, como o dereito á saúde, ou á inviolabilidade do domicilio.

Tras acusar o alcalde, Abel Caballero, de "mentir" por cualificalos de asociación "politizada", Alba Novoa insistiu en que o Goberno local non quixo escoitar as súas demandas, e limítase a "descualificar" a esta asociación. "Pero todo ten un límite", advertiu, e cuestionou que o Concello insista en vulnerar os seus dereitos e "poñer en risco" a seguridade dos cidadáns, "por un suposto retorno económico que foi magnificado".

Segundo recalcou, o goberno de Caballero apostou por un modelo de turismo "masificado e descontrolado", para o que "Vigo non está preparada" e que provoca "danos irreparables" na convivencia, na saúde e mesmo no patrimonio dos vigueses, chegando a afectar os servizos de emerxencias.

"E a pesar de todo, fan chamamentos a que veña a xente, cunha total falta de responsabilidade. Se había unha planificación, desde logo non funcionou", proclamou Novoa, en alusión ao colapso da pasada fin de semana, no que se repetiu o que ha pasou nalgunhas datas do Nadal do ano pasado. "A que esperan para tomar medidas? Ten que morrer alguén? É máis importante alimentar o seu ego persoal (do alcalde) que a vida dos vigueses?, preguntou.