Os servizos antiincendios seguen con 200 prazas vacantes en agosto

O presidente Alfonso Rueda e a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, á esquerda, esta terza feira. (Foto. Xunta da Galiza)
Un comunicado sindical feito onte público e o testemuño de varios bombeiros forestais a este xornal eleva a 200 os postos que a Xunta da Galiza mantén vacantes nos servizos antiincendios malia  a vaga de lumes que afecta o país. 

Tras a denuncia realizada o pasado 15 de agosto por sindicatos e traballadores alertando "da grave situación no servizo de extinción pola falta de cobertura de 200 postos" no Servizo de Prevención e Defensa  contra  Incendios  Forestais (SPIF), onte os sindicatos CCOO, CSIF e UXT denunciaron que o Goberno galego mantén sen cubrir esas 200 prazas. Así, as centrais sindicais volveron denunciar esta terza feira "a situación crítica que atravesa o SPIF debido á nefasta e neglixente xestión da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría do Medio Rural".

O principal problema é a existencia de arredor de 200 postos de traballo sen cubrir no SPIF, un servizo esencial para a seguridade cidadá e a protección do patrimonio natural da Galiza, explican. Estas carencias "foron negadas sistematicamente pola Secretaría Xeral Técnica, até que, tras as denuncias públicas polos tres sindicatos, a Consellaría viuse obrigada a recoñecer a situación e facer un chamamento extraordinario para cubrir 198 prazas estruturais, non operativasporque os seus titulares se atopaban en situación de incapacidade temporal", relatan, Porén, malia que apenas se cubriu un 50% desas prazas, desde a Secretaría Xeral Técnica, non se fixo ningunha nova xestión para garantir a cobertura total dos efectivos.

A consecuencia, din os sindicatos,  é que, "en plena vaga de lumes con máis de 570 incendios nos primeiros vinte días de agosto, o servizo segue cun déficit de persoal que pon en evidencia a inacción e a falta de responsabilidade por parte da Secretaría Xeral Técnica". CCOO, CSIF e UXT denuncian que desde a Secretaría Xeral Técnica desatendéronse reiteradamente as súas solicitudes para cubrir de inmediato todos os postos vacantes para garantir un dispositivo de extinción plenamente operativo e ao máximo da súa capacidade. 

Ademais, os chamamentos realizados non provocan un incremento real de efectivos, senón que se limitan a mover persoal entre prazas, perpetuando un déficit estrutural que continua sen resolverse. Os sindicatos lembran que levan anos exixindo que cada praza do SPIF sexa cuberta de maneira inmediata no momento en que se produce unha ausencia, precisamente para evitar situacións de vulnerabilidade como a actual.

Juan Carlos Rivas, portavoz de CSIF, sinala a Nós Diario que o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, "recoñeceu que había 200 postos sen cubrir,  fíxose un chamamento de urxencia e cónstanos que só se cubriron 100 das 200 prazas, mais 11 días despois estamos outra vez nos 200 postos sen cubrir porque a Consellaría o que está a facer é mover xente entre os distintos postos do servizo, non cubrir as vacantes".