Convocan probas de bombeiros forestais en plena vaga de lumes

Bombeiros en acción nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Bombeiros Forestais de Galicia denunciou onte por medio dun comunicado a convocatoria dunha oferta  pública de emprego "en plena vaga incendiaria que afecta a máis de 300 traballadores".

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta terza feira, en plena vaga de lumes, as convocatorias de 327 prazas de persoal laboral para o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF): 181 prazas de bombeiro forestal, 75 de bombeiro forestal-condutor e 71 de xefe de brigada.

Bombeiros Forestais de Galicia denunciou onte por medio dun comunicado a convocatoria dunha oferta  pública de emprego "en plena vaga incendiaria que afecta a máis de 300 traballadores".

Cando aínda están activos grandes incendios coma o da Pobra do Brollón, Trevinca e o de Avión, "con compañeiros e compañeiras carrexando  mangueiras en pendentes, tragando inmensas bocanadas de fume a manchea, queimándose ou fuxindo ás carreiras na fronte de lapas" a Xunta convoca a oferta pública sen tempo para preparar as probas, lamentan. 

"Debido á situación extraordinaria xerada pola vaga incendiaria e como non se dispón dun tempo necesario mínimo para preparar cunhas mínimas garantías unha oposición, pensamos na creación e  busca de  fórmulas para un excepcional proceso extraordinario. Isto non é mendigar nada. A Xunta pode acordar o proceso para os Bombeiros Forestais na mesa que corresponda sen ningún problema", sinalan os profesionais.

"Os Bombeiros Forestais de oito meses estamos formados en numerosos cursos específicos que hoxe cómpre mellorar e  perfeccionar, por exemplo na interface, familiarizado coas novas técnicas e tecnoloxías da extinción e equipamentos.  O gasto millonario investido, dun precioso diñeiro público non se pode dilapidar dunha forma tan frívola. Somosun investimento de presente e futuro para a emerxencia social que son hoxe os incendios. A emerxencia continúa e son precisas medidas valientes e de forte calado. E agora veñen os efectos das escorrentías e aí voltamos ser imprescindíbeis", manifestan.