Sanidade pública

Novo colapso nas Urxencias do CHUS: 20 pacientes graves agardando nos corredores

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
20 pacientes graves agardaban a seren atendidos e 38, polo ingreso.

As Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) continúan colapsadas con pacientes amoreados nos corredores, tal e como denunciou esta quinta feira a Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS. "Ás 15 horas hai 20 pacientes graves en cadeiras de rodas e padiolas colocados no corredor principal de acceso e corredores adxacentes", alertou o colectivo nun comunicado. 

Unha "vulneración do seu dereito fundamental á intimidade e á dignidade" á que suman "38 pacientes co ingreso asinado que ocupaban as zonas de traballo, imposibilitando que os colocados nos corredores poidan ser atendidos", afirmaron. 

A asociación culpa desta situación a Xerencia da área sanitaria que, "non só non dota con persoal sanitario suficiente as camas existentes para poñelas a disposición dos pacientes", senón que, segundo denuncian, as plantas de Medicina Interna e da Unidade de Media Estancia do Hospital Xil Casares permanecen fechadas por obras "que xa tiñan que estar rematadas". Estas obras supoñen o fechamento dun total de 73 camas. 

"A xerente e o seu equipo directivo teñen acreditado en todos estes anos a súa incapacidade para garantir os dereitos dos pacientes atendidos nese servizo", conclúe o comunicado.

Desatención no Macizo Central

Por outra parte, veciñanza de Chandrexa de Queixa, A Teixeira, Montederramo e Parada Sil terá que acudir a Castro Caldelas para ser atendida por persoal médico ante a falta de varias profesionais de Atención Primaria que se atopan de baixa ou ausentes e cuxo posto a Consellaría de Sanidade non cobre. Así o denunciou esta quinta feira o BNG, que avanzou iniciativas no Parlamento ao respecto.