O servizo de urxencias do CHUS, colapsado

Urxencias do CHUS, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
O servizos de urxencias do Complexo hospitalario universitario de Compostela (CHUS) volveu a colapsar na xornada de onte. Segundo datos da Asociación de pacientes e usuarios do  CHUS 27 doentes graves foron amoreados nos corredores de acceso

Os problemas no servizos de urxencias do Chus continúan. A este respecto,  a Asociación de pacientes e usuarios deste centro hospitalario denuncia “que todos os días da semana o corredor de acceso e a sala de observación están cheos de pacientes en espera de ser atendidos ou agardando por unha cama en planta”.

A situación foi particularmente complicada na xornada de onte. A primeira hora da tarde, “27 pacientes graves foron colocados nos corredores de acceso en cadeiras de rodas e padiolas agardando a ser atendidos nos espazos habilitados para elo, e 30 pacientes con ingreso en planta asinado ocupaban os espazos de traballo”.

A falla de persoal obrigou a cada facultativo a atender a 18 de doentes. Neste sentido, os diferentes estándares de calidade consideran que a  partir de 11 doentes a carga de traballo é inabordábel para o persoal sanitario producíndose, producíndose unha caída da calidade asistencial.

A propia xerencia do CHUS recoñeceu que nas últimas 24 horas nos servizos de urxencias foron atendidas 521 persoas, porén o nivel de ocupación das camas situouse en 54%. Asemade, no hospital Gil Casares continúa fechadas outras 20 habitacións.

Críticas dos usuarios

A Asociación de pacientes e usuarios do  CHUS denuncia que “os pacientes que se colocan nos corredores de acceso están sendo danados nos seu dereito fundamental a dignidade e intimidade e corren o risco de padecer episodios de empeoramento da súa situación clínica nun lugar onde non deben estar e no que non é posible unha atención adecuada”.

O colectivo carga contra os responsábeis do centro e a súa xerencia “porque seguen banalizando a situación e esquecen que nese corredor producíronse falecemento de persoas que deberon ser atendidas nos lugares destinados para iso”.

A entidade entende que “o servizo de urxencias do CHUS está sendo utilizado como almacén de pacientes” e afirma que se está incumprindo o disposto na lexislación sanitaria galega respecto a atención dos pacientes nesta situación.

Asociación de pacientes e usuarios do  CHUS crítica que “o Servizo Galego de Saúde está gravemente enfermo deixando ao seu paso, pacientes non diagnosticados, demoras inxustificábeis, exceso de mortalidade non xustificada, dano físico e moral ao pacientes nos servizos de urxencias e profesionais desbordados sen capacidade de dar a atención adecuada”.