O rescate do 'Blue Star' supuxo un gasto de 1,2 millóns, que deberá asumir a aseguradora

O 'Blue Star' encallou en novembro na costa de Ares. (Europa Press)

As tarefas de rescate do buque ' Blue  Star', que encallou a noite do 22 de novembro pasado na costa de Ares, levadas a cabo por Salvamento Marítimo tiveron un custo de 1,2 millóns de euros, segundo informou o Goberno central en contestacións por escrito a preguntas do BNG no Congreso.

 

As respostas remarcan que "a responsabilidade" derivada dos danos "asúmea a empresa aseguradora" da armadora e subliñan que non se produciu "contaminación algunha".

O 'Blue  Star' solicitou asistencia ás 22.33 horas tras perder velocidade e declararse un incendio na máquina, segundo se recolle nestes textos, que indican que o seguimento da emerxencia por parte de Salvamento Marítimo foi “continuo e tívose coñecemento da  embarracada en tempo real".

Entre os medios mobilizados, estiveron o buque de salvamento 'María Pita', o remolcador do porto de Ferrol 'Hocho', a embarcación de intervención rápida 'Salvamar Betelgeuse' e o helicóptero de salvamento 'Helimer 401'.

Segundo explica o Executivo central, o varamento impediu levar a cabo a inspección submarina do seu casco, polo que se estudaron os tanques de lastre e combustible desde o interior do buque.”Advertiuse que gran parte dos tanques de auga de lastre estaban danados e comunicados coa auga do mar", sinala. Persoal de Salvamento Marítimo embarcado no 'Blue  Star' realizou a inspección de maneira inmediata tras a extinción do incendio declarado a bordo.

Sobre o operativo, o Goberno central asegura que a relación entre as Administracións afectadas pola situación foi “constante e fluída en todo momento".

Finalmente, lembra que a investigación sobre as causas do sinistro corresponde á Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos ( Ciaim).

A mediados do pasado mes de febreiro, o titular do 'Blue  Star' decidiu que o barco abandonase os peiraos de Ferrol, onde se realizaron obras de emerxencia no seu casco, para poñer rumbo a Turquía co fin de ser despezado.