O servizo 112 da Xunta, colapsado polo programa de xestión das emerxencias

O programa, advirten traballadoras e traballadores, presenta problemas desde a súa entrada en funcionamento.

As queixas das persoas usuarias polos atrasos no 112 aumentaron de maneira exponencial ao longo deste ano. As traballadoras e traballadores do servizo partillan as críticas e culpan do problema o programa de xestión das emerxencias. A empresa adxudicataria está ligada a unha sobriña de Romay Beccaría.

"O programa non vai", sinala a Nós Diario Susana Camba, "polo que a xestión das emerxencias se dilata no tempo, creándose chamadas en cola todos días e tardando máis do previsto en resolver o problema das persoas usuarias". Camba, membro do comité de empresa do servizo 112, destaca que "cantas máis emerxencias, máis atrasos hai  e canto máis complicadas son estas, máis problemas presenta o programa, até o punto de desaparecer as anotacións efectuadas en relación coa solicitude do usuario".

A traballadora destaca que "o programa non está feito á medida da xestión das emerxencias, senón para funcións administrativas". Neste sentido, apunta que "é habitual, tras recibir unha chamada telefónica e contestar, que cando comezas a falar coa persoa, a comunicación tarde en aparecer, o que dilata a resolución da emerxencia". "A incidencia na que traballas tarda en aparecer ou aparece máis tarde do previsto, até o punto de que o traballo que levaría dous minutos en circunstancias normais leva cinco e o que levaría cinco minutos leva 15".

O programa presenta problemas desde a súa entrada en funcionamento, pero a situación complicouse desde comezo de ano, segundo denuncian traballadoras e traballadores. A este respecto, Camba advirte que "desde que se fixo o 'bus de integración' da terminal en remoto co servizo do 061, coa Garda Civil e coa Policía para que estes organismos participasen na xestión de emerxencia, as cousas empeoraron". "A regresión foi tremenda", confirma Camba, quen avanza que "a empresa que elaborou o programa é incapaz de darlle unha solución a este problema, malia ter acudido aquí en diversas ocasións co obxectivo de buscar unha alternativa".

A Axencia Galega de Emerxencias, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes, adxudicou en abril de 2015, por un orzamento base de licitación de 1.023.075,28 euros, á empresa Atos un contrato para "o deseño, desenvolvemento, implementación e soporte dunha aplicación informática para a xestión de emerxencias do novo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galiza (CIAE 112 Galiza)". O programa foi cofinanciado en 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galiza 2007-2013.

A tecnolóxica madrileña Atos é unha das grandes fornecedoras de servizos informáticos da Xunta. Unha das máis significadas directivas da compañía, apoderada da mesma en diversos períodos, é Carmen Martín de Pozuelo Romay, sobriña do conselleiro de Fraga, ministro de Aznar e padriño político de Alberto Núñez Feixoo, José Manuel Romay Beccaría. Ao tempo, Martín de Pozuelo Romay ocupou diversas responsabilidades políticas a carón de Feixoo, primeiro nos servizos informáticos de Correos e posteriormente na Consellaría de Ordenación do Territorio e Obras Públicas.

O desembarco de Atos na Galiza produciuse cando Feixoo exercía de conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas e Martín de Pozuelo Romay ocupaba a xefatura de servizos informáticos do departamento. Así, en 2004, Atos, nunha unión temporal de empresas (UTE) con Coremain, resultou beneficiaria por 1,6 millóns de euros do contrato do centro de xestión informática da Consellaría de Ordenación do Territorio. Un ano máis tarde, Martín de Pozuelo Romay foi designada directiva por Atos.

Irregularidades

A traxectoria de Atos está marcada polas irregularidades. En 2018 foi condenada pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) a pagar unha multa de cinco millóns de euros por conformar "un cartel" con outras empresas do sector para repartirse os contratos públicos. Segundo a CNMC, a operativa pasaba pola creación de UTE de carácter instrumental e pola subcontratación preferente de determinadas empresas ás que se lles aseguraba unha porcentaxe de facturación.

O cartel das tecnolóxicas

A Xunta de Galiza realizou 513 contratos co cartel de empresas sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia. As tres empresas favorecidas polo Goberno galego foron Indra, Atos e Véritas Spain, cuxos contratos entre 2012 e 2018 sumaron unha contía de 110 millóns de euros.