#Sermos377: Olá Nós Diario

Xa está no prelo o número 377 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira.

O derradeiro número de Sermos Galiza xa está a ocupar os estantes dos mellores quiosques do país. Poñemos así o ramo a unha etapa para inaugurarmos outra. Nesta derradeira entrega resolvémosche as dúbidas sobre Nós Diario: Cando sairá o primeiro número do diario? Que acontecerá con Sermos Galiza? Canto custará Nós Diario nos quiosques? Podo agasallar subscricións ao diario? A estas e outras moitas cuestións damos resposta neste número 377 de Sermos Galiza.

A Tesouraría Xeral da Seguridade Social vén de presentar unha nova estatística sobre persoas asalariadas na que analiza a base de cotización, ou sexa a remuneración mensual bruta que inclúen as pagas extras prorrateadas. Estas cifras mostran a cotización de cada persoa así como as prestacións que as persoas ocupadas perciben en toda a súa vida laboral ou cando chegan á idade de xubilación. “Elas, as empobrecidas” é o tema de primeira que abre o presente número do semanario Sermos Galiza en papel. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión contamos coas plumas de María Pilar García Negro e Xavier Queipo, así como a derradeira entrega de “A ollo nu", a sección que semanalmente asina Xoán Costa, e o humor gráfico das mans de Tokio e Carlos Latuff.

Atopar agasallos na lingua do país tornouse unha tarefa practicamente imposíbel, en especial no sector dos xogos infantís onde só o 6% inclúen o galego no seu contido. Abre Sociedade cunha reportaxe sobre esta cuestión que mostra a anormalidade de vivir en galego.

En Economía analizamos a situación das moedas sociais na Galiza. A chegada do euro mudou para sempre a vida das galegas, que pasaron a compartir mercado con milleiros de cidadáns en toda Europa, mais ao mesmo tempo perderon o concepto de proximidade. Contra iso xurdiron as moedas sociais, das que o noso país conta con varios exemplos de moi diversa índole.

Antón Sánchez repetirá como portavoz nacional de Anova após a asemblea nacional, na que ademais decidiron, desde a organización, tenderlle a man a EU e Podemos de cara ás eleccións galegas. En análise política damos conta destas decisións.

Internacional faise eco da vitoria de Boris Johnson nas eleccións xerais do Reino Unido. Ofrecemos as chaves para comprender o contexto político após as eleccións británicas.

Fóra de Serie abre cunha reportaxe que lembra os vinte e cinco anos do nacemento do bravú. Entrevistamos Jorge Coira (Rábade, 1971), cineasta que vén de adaptar para a grande pantalla unha das aclamadas pezas teatrais de Chévere, Eroski/Paraíso. Continúa coas críticas semanais de cinema e literatura, da man de Mario Regueira e Andrés Castro. Ademais, non faltan as colaboracións de Míriam Ferradas coas súas “Palabras de fume”; da literatura de Anselmo López Carreira; o “Traficando palabras” de Carme Adán; e a historia, cinema, música, lingua e literatura recollidas en “Ocorreu en xaneiro”, sección coordinada pola AS-PG.

Pechamos o número en Andar e ver coa Ruta das Cetarias, na Guarda, da man do  colectivo Xea, e o selfie co rostro de Helena Carro, co gallo da exposición “Galiza nom esquece”, da Gentalha do Pichel.

No Afondo, o número  236 do caderno da Deputación de Pontevedra, “Unha pedalada de formar parte dos roteiros Eurovelo de cicloturismo”.

O número 377 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.