#Sermos374: Vulnerábeis

Xa está no prelo o número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira.

O Blue Star esperta do fondo do mar a pantasma do Prestige. Está Galiza mellor preparada hoxe que en 2002 para evitar e afrontar unha catástrofe marítima? O Blue Star, un buque quimiqueiro de bandeira maltesa e domicilio fiscal nas Bermudas, encallaba na ría de Ares na madrugada da sexta feira, a 22 de novembro. Á memoria viñeron imaxes do petroleiro grego Prestige e, ao corpo, incerteza sobre a capacidade actual do país para que unha catástrofe desas dimensións non se repita. Comezamos novo número do semanario Sermos Galiza en papel cunha reportaxe sobre esta custión. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión contamos neste novo número coas mans de Luz Darriba e Mercedes Queixas, a entrega de “A ollo nu", sección que semanalmente asina Xoán Costa, e o humor gráfico das mans de Tokio e Carlos Latuff.

En Sociedade damos conta da presentación que levará a cabo Guadi Galego no Culturgal. Nada máis e nada menos que número cero de Nós Diario mais o suplemento cultural. Será o sábado, día 30, ás 13 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Tamén nesta sección, Sociedade, damos conta do movemento verde como alternativa a un futuro negro, como alternativa ao Black Friday.

Continuamos en Economía coa análise sobre a desigualdade entre mulleres e homes que paira sobre a Xunta, a poucos meses da aprobación do seu Plan de igualdade.

En Política entrevistamos Xoaquín F. Leiceaga (Noia, 1961), doutor en Economía e profesor titular na USC, quen, após deixar o escano no Parlamento galego esta semana, incorporarase ao Senado en Madrid. Ademais, tamén debullamos a situación precaria da Atención Primaria no rural galego, a cal reclama máis coidados.

Internacional analizamos as últimas sentenzas dos macroxuízos no Estado español, que deixan un claro aviso: é peor delito desafiar democraticamente a unidade de España que desviar cartos do público para o enriquecemento propio.

O Fóra de Serie abre cunha reportaxe sobre a décimo segunda edición do Culturgal, unha radiografía da cultura galega actual. Entrevistamos Verto, Alberto Mira, Berto (Pontevedra, 1997) e Fernando Peleteiro, Fer (Compostela, 1997), grupo de pop e disco que vén de comezar o seu proxecto musical. Continúa o Fóra de Serie coas críticas semanais de cinema e literatura, da man de Mario Regueira e Andrés Castro. Ademais, non faltan as colaboracións de Pepe Barro e o seu “Botar un ollo”, “O eco das ondas”, de César Morán, a sección “Mapa de bits” de Iago Varela, e a sección “Notas do mar levado”, a cargo Andrés Díaz Pazos.

Pechamos o número cunha camiñada por Terras de Viana do Bolo, coas recomendacións do colectivo Xea, e o selfie co rostro de Andrés Castro, director de “Atopando o camiño”, curta que se presentará no Culturgal.

O Afondo desta semana é sobre A tradición oral como patrimonio, da man da Deputación de Lugo, e suman xa o número 233.

O número 374 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.