#Sermos372: Novo Goberno en procura de apoios

Xa está no prelo o número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira. 

O mapa político da Galiza após os comicios realizados o pasado domingo, 10 de novembro, móstrase notabelmente diferente ao que ficou após as eleccións do 28 de abril. Unhas mudanzas que, en tan só seis meses de diferenza, deixan ver como se aliñaron as forzas políticas e como se anuncian cambios a tan só menos dun ano vista das eleccións ao Parlamento de Galiza. Abrimos un novo número do semanario Sermos Galiza en papel cunha reportaxe sobre o mapa político da Galiza perante a nova situación política e a que está por vir. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión contamos neste novo número coas plumas sempre a punto de David Otero e Marga do Val, a entrega de “A ollo nu", sección que semanalmente asina Xoán Costa, e o humor gráfico das mans de Tokio e Carlos Latuff.

Nós Diario xa está cun pé na rúa. E é que faltan menos de dous meses para que Nós Diario, o novo medio de Sermos Galiza S.A., vexa a luz. O 2 de xaneiro de 2020 sairá do prelo o diario en papel e mais o diario dixital. Porén, a finais deste novembro, poderedes ter nas vosas mans o primeiro número cero. Que temáticas tratará Nós Diario? Que días se editará? Desaparecerá Sermos Galiza? En Sociedade resolvemos todas estas dúbidas, e moito máis, sobre como será Nós Diario. Alén disto, nesta sección tamén mergullamos na historia do Consello da Galiza, outro exemplo do xenio político de Castelao, aínda por rematar.

En Economía mergullamos na segunda vida do lúpulo galego, tamén chamado “ouro verde”, pois o seu cultivo volve gañar presenza grazas ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e ao grupo Hijos de Rivera, que emprega a súa flor para a elaboración das súas cervexas.

Xa na análise política debullamos a precaria situación da Corporación Radio Televisión de Galiza, da que hai anos, sindicatos e cadro de persoal veñen alertando do seu desmantelamento. Á parte, poñemos o foco na loita contra o extractivismo na Galiza, nas denuncias que realizan plataformas veciñais contra empresas mineiras e contra a Xunta de Galiza ao incumpriren a normativa europea.

Internacional lévanos até Bolivia e o golpe de Estado que deixa Evo Morales en fóra de xogo. Tamén damos conta da liberación de Lula da Silva, cunha crónica que chega a Sermos Galiza desde o corazón de São Paulo, no Brasil.

O Fóra de Serie abre cunha reportaxe sobre a exposición ‘Galiza, un relato no mundo’, comisariada por Manuel Gago, composta por 300 pezas, algunhas inéditas na Galiza, que contan as historias do país. Entrevistamos a actriz María Vázquez (Vigo, 1979), cando vén de recibir o Premio Cineuropa. Continúa o Fóra de Serie coas críticas semanais de cinema e literatura, da man de Mario Regueira e Andrés Castro. Ademais, non faltan as colaboracións de Pepe Barro e o seu “Botar un ollo”, as letras miúdas de Xosé García, a sección “Da banda de acolá” de Xulio Carballo, a poesía “Das africanas praias”, da man de Xoán Costa, e “Os campos do terror” da man de Cilia Torna.

Pechamos o número cunha camiñada pola costa, de Ribeira á Pobra do Caramiñal, coas recomendacións do colectivo Xea, e o selfie co rostro de Martín Fernández Calo, historiador que vén de ser galardoado co Premio Manuel Murguía de ensaio.

No Afondo, O segundo sexo de Simone de Beauvoir.

O número 372 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.