#Sermos371: 10-N, todo aberto

As duas capas do semanario

Xa está no prelo o número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira. 

A axenda estatal condicionou a campaña na Galiza. As propostas para unha mellor defensa do país en Madrid fican no ar. A campaña deixa o debate aberto para as galegas do ano próximo. Abrimos un novo número do semanario Sermos Galiza en papel cunha reportaxe que pon o foco no 10-N. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión contamos con Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez, así como unha nova entrega de “A ollo nu", a sección que semanalmente asina Xoán Costa, e o humor gráfico das mans de Tokio e Carlos Latuff.

Sociedade abre cunha reportaxe sobre o nacemento do Día da Patria Galega, co gallo do seu centenario. Tamén entrevistamos Verónica Boquete, considerada a futbolista galega máis importante da historia, ao seu regreso.

O Plan Mobega consistía nun programa pioneiro de carsharing promovido pola Xunta e o Ceaga para fomentar o uso do vehículo eléctrico que non acadou o seu obxectivo pola escasa difusión e a falta de concienciación entre a poboación galega. Achegámonos a esta cuestión en Economía e explicamos o fracaso do ‘carsharing’ galego.

Entrevistamos Nieves Lagares, profesora de Ciencia Política, en  análise política. Tamén profundamos no 10-N. Repetición electoral deste domingo que dá opcións de recuperar unha representación que garanta voz e dereitos para Galiza.

Internacional céntrase, por unha banda, en Portugal e a súa folla de ruta e, por outra, na situación de protestas xeneralizadas, desde Chile até Hong Kong.

Fóra de Serie abre cunha reportaxe que lembra Neira Vilas e a publicación da súa obra póstuma. Entrevistamos Anselmo López Carreira, historiador. Continúa coas críticas semanais de cinema e literatura, da man de Mario Regueira e Andrés Castro. Ademais, non faltan as colaboracións de Iolanda Gomis, co seu Máis alá de 0 e 1; do teatro de Manuel Xestoso; o Po de estrelas, de Iria Veiga; e o Galiza no mapa, de Cilia Torna.

Pechamos o número co Andar e ver pola Fraga das Freitas, nos Ancares, da man do  colectivo Xea, e o selfie co rostro de Tati Mancebo, promotora de Bocatas NaMan.

No Afondo o número 21 do caderno Somos Galego, o suplemento realizado pola Mesa pola Normalización Lingüística.

O número 371 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.