#Sermos370: O Samaín gaña forza

Xa está no prelo o número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira.

Tempo de defuntos. Magostos e castañas. E samaín. Tradicións que ao pouco gañan forza na nosa cultura, aínda que hai quen critica a asimilación por mor da influencia da cultura estadounidense a través do seu omnipresente Halloween. Abrimos un novo número do semanario Sermos Galiza en papel cunha reportaxe que pon o foco nestas tradicións. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión contamos coas plumas de Mercedes Queixas Zas e Luz Darriba así como unha nova entrega de “A ollo nu", a sección que semanalmente asina Xoán Costa, e o humor gráfico das mans de Tokio e Carlos Latuff.

Tamén falamos, en Sociedade, dos mapas do medo contra a violencia machista e das accións que se están a desenvolver desde diferentes eidos, máis concretamente aquelas que desenvolven as tres Universidades para introducir no espazo público a visión feminina. Centra tamén o noso interese as orixes e futuro do Samaín.

Galiza é líder en accidentes laborais e Informes sindicais e universitarios indican como unha das causas a falta de control de riscos nas empresas. En Economía tratamos o aumento da sinistralidade laboral, os motivos, causas e consecuencias. Tamén poñemos o ollo sobre os produtos do país que temos ao alcance da man para encher o noso carro da compra nos supermercados galegos.

Xa na análise política mergullamos nas propostas dos partidos a respecto da configuración territorial, así como nas chaves da actual campaña, coas independencias no taboleiro. Así mesmo, damos conta da importancia dos medios de comunicación á hora de situar o conflito catalán ou as enquisas, invisibilizando as problemáticas galegas.

As eleccións en Latinoamérica, Arxentina, Uruguai e Bolivia, son o tema que ocupan as páxinas de Internacional, onde a vitoria do peronismo nas presidenciais arxentinas fai de contrapeso ao poder de Bolsonaro no Brasil

Fóra de Serie abre cunha reportaxe que lembra os 25 anos de Pratos Combinados. Entrevistamos Dorothe Schubart, musicóloga que participa das xornadas de tradición oral de Lugo. Continúa coas críticas semanais de cinema e literatura, da man de Mario Regueira e Andrés Castro. Ademais, non faltan as colaboracións de Pepe Barro  e o seu “Botar un ollo”, “O eco das ondas” de César Morán, as “Notas do mar levado”, desta volta asinado por Carlos Penela Martín, así como a sección “Mapa de bits” que asina Iago Varela.

Pechamos o número polas praias de Santa Comba e Ponzos, coas recomendacións do colectivo Xea, e o selfie co rostro de Mario Regueira, escritor galardoado co premio Lueiro Rey.

No Afondo o número 3 do caderno Sermos Bóveda, o suplemento realizado pola AC Alexandre Bóveda.

O número 370 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.