Resumo do semanario

#Sermos366: Ignorar a lingua propia

As capas do semanario.
Xa está no prelo o número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira. Abrímolo cs resultados da enquisa de uso e coñecemento do galego publicados polo IGE, que son contundentes: a lingua atópase no peor momento da súa historia.

Entre 2003 e 2015 o número de persoas que se declaran galegofalantes descendeu un 30%. E son cada vez menos as crianzas que, na Galiza, aprenden a falar na lingua do país. O Tema de Primeira do semanario Sermos Galiza recolle a análise de expertos e expertas sobre a situación do galego, que cualifican como a peor da súa historia. Sinalan o Decreto de Plurilingüismo da Xunta de Galiza como principal responsábel. A súa lectura, crítica coas políticas actuais e coa situación do galego nos medios abre, con todo, unha xanela á esperanza. O semanario xa está dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión, as plumas de Luz Darriba e Mercedes Queixas, xunto ao cadriño da man de Tokio. Xoán Costa publica unha nova entrega da súa sección semanal A ollo nu.

A protagonista de Sociedade esta semana é a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López Suevos, que analiza o aumento e tipoloxía de delitos sexuais acometidos na actualidade. Suevos alerta de que moitos son cometidos por homes novos e demanda a actualización da investigación dos delitos. Ademais compartimos con vós os primeiros pasos da nova redacción de Nós Diario.

En Economía conversamos con Vincent Cucarella, especialista en financiamento autonómico e autor de Economía por un futuro sustentábel. En Política analizamos os asuntos que ficaron á espera dunha nova lexislatura, como o traspase da AP-9.  Unha lectura da campaña coa vista posta nos comicios galegos pecha a sección.

En Internacional retrocedemos ao 1 de outubro en Catatalunya hai dous anos e analizamos a situación actual da política catalá.  

O Fóra de Serie arranca o curso literario facendo revisión do traballado con autoras, editoras e críticas. Continuamos cunha entrevista a Anxo Quintela, rostro icónico da TVG e gañador do Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019. Séguena as críticas semanais de cinema e literatura, ademais dun paseo pola Costa da Morte de Cee, dende a praia do Rostro a Lires. Rematamos co selfie, co rostro de Celso Alberte Magariños.

Esta semana asinan no Fóra de Serie Pepe Barro, César Morán, Carlos Penela e Iago Varela.

O número 366 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.