#Sermos364: As aposta deportivas atrapan a adolescencia e entrevista con Ana Pontón

En centros comerciais e estacións de autobuses, a carón de escolas e parques infantís… Nada resiste a voracidade das empresas do xogo, que en pouco máis de cinco anos fixeron que o concepto de salón de apostas deportivas pasase de ser algo exótico a un elemento máis da paisaxe urbana co que hai que convivir, como a panadaría ou a lavandarías. Abrimos un novo número do semanario Sermos Galiza en papel cunha reportaxe sobre como este mundo atrapa as adolescentes. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión, publicamos os artigos de David Otero e Marga do Val así como unha nova entrega de “A ollo nu", a sección que cada semana escribe Xoán Costa.

A rica historia e tradición das fábricas de gaseosas na Galiza centran tamén o noso interese. Unha asociación de Coristanco lista en até 600 as fabricantes únicas desta bebida. Adentrámonos nalgunhas delas. “Hoxe bebemos Kas ou Fanta, pero iso xa o facían nas aldeas, eran as gasosas de sabores”, cóntanos Juan C. Villar, presidente da asociación Gaseosas da Galiza.

Tamén falamos da presión cidadá logra que empresas como Ikea comecen a dar pasos no uso da lingua do país, mais fica moito camiño por percorrer

En Economía preguntamos sobre os indicios da crise económica e o seu impacto na Galiza. No horizonte fórmanse turbulencias. Aínda no esteiro da gran crise iniciada en 2008 e cun mundo do traballo debilitado pola ofensiva neoliberal posterior, a economía galega asómase aos problemas derivados dunha recesión que xa se nota en países centrais da Eurozona como Alemaña e Italia. Analistas e sindicatos alertan da inminente repercusión na Galiza.

Ana Pontón (Sarria, 1977), portavoz nacional do BNG , centra a entrevista principal deste número do semanario. “Se non nos autolimitamos, teremos un resultado moi positivo para o nacionalismo”, afirma de cara ás vindeiras citas electorais. Advirte contra a solución do “bipartidismo harmónico” como saída á crise institucional do Estado e pide “cambiar o marco autonómico para poder ir a un modelo no que realmente teñamos poder político”. E avánzanos a folla de ruta: “Nos próximos meses no BNG centrarémonos en traballar moito coa sociedade en construír esa alternativa desde abaixo porque este país precisa dun goberno que confíe nel”.

Analistas políticos compoñen o escenario actual do mapa político galego e as perspectivas de que se conforme unha alternativa a Feixoo. Antes de doce meses Galiza estará inmersa nun proceso electoral que decidirá se Feixoo é quen de reeditar as catro maiorías absolutas de Fraga. A oposición empeza a debuxarse nuns días no debate parlamentario sobre o estado da nación.

Eleccións no Estado o 10 de novembro. Cuarta convocatoria de eleccións xerais en catro anos no Estado español. Pedro Sánchez, líder socialista, non reuniu os apoios necesarios para ser investido após catro meses de negociacións, desencontros e tirapuxas con Unidas Podemos. Desde as eleccións de 2015 o sistema político español xa non é bipartidista, acabáronse as maiorías amplas ou absolutas. Porén, a dinámica que iso implica (negociacións, pactos…) brilla pola súa ausencia.

Entrevistamos Grial Montes, actriz de 22 anos que encarna María Soliña no filme que está a rodar Ignacio Vilar. “María Soliña foi unha muller que loitou pola súa independencia e cando descubriu quen quería ser foi maltratada pola sociedade”.

Non faltan as colaboracións de Xulio Carballo, Mario Regueira, Andrés Castro, Colectivo Xea, Cilia Torna ou Pepe Barro.

‘O Oribio, atentados consentidos ao patrimonio natural e cultural’ é unha reportaxe que repasa a gran riqueza desta serra e os agresivos proxectos que poñen na picota este lugar único na Galiza.

O AFondo deste número céntrase en Manuel Vila González, o ‘médico dos pobres’ de O Incio que foi asasinado 11 de setembro de 1936 polos fascistas. O seu sobriño neto, Xosé Manuel Díaz González, licenciado en Dereito, recupera neste A Fondo a súa historia.

Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.