Resumo

#Sermos362: A loita contra os eólicos

As dúas capas do Sermos Galiza.

O Iribio, no Courel, e Paradela son focos de mobilización social polos parques eólicos proxectados. Con esta loita abrimos un novo número do semanario Sermos Galiza en papel. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

Máis un novo Sermos Galiza en papel no prelo e suman 362. Nesta ocasión, protagonizan a portada do semanario a loita social contra os megaproxectos eólicos e a da veciñanza da illa de Ons.

En Opinión, publicamos os artigos de Luz Darriba e de Mercedes Queixas, así como unha nova entrega de “A ollo nu", a sección que cada semana escribe Xoán Costa.

Descubrimos da man de Héctor Pena que foi Galiza o primeiro lugar da Península Ibérica onde se xogou ao fútbol.

En Economía afondamos na crise de Alcoa e do naval ferrolán, mentres que en Política analizamos a situación que vive o PSdeG e recollemos as opinións de analistas a respecto de cómo afecta na Galiza a ausencia de Goberno no Estado.

En Internacional, publicamos unha análise do ensaísta boliviano Rafael Bautista, un dos máis destacados representantes da Escola decolonial, sobre o que agochan os lumes da Amazonia.

Regresan as sinaturas do Fóra de Serie

O Fóra de Serie abrímolo co penúltimo relato da sección “Un verán en Galeusca”, partillada por Sermos Galiza, Berria e Vilaweb, e cunha nova entrega de “Botar un ollo”, asinado por Pepe Barro. A entrevista protagonízaa o director de cinema Eloy Enciso, que vén de trunfar no Festival de Locarno (Suíza).

Mario Regueira convídanos a ler Na miña alma ouvea un lobo, e Andrés Castro fai o propio con Donbass. Ademais, estamos de estrea: “O eco das ondas” é a sección mensual que asina o músico César Morán.

Iago Varela tráenos as novidades tecnolóxicas e Andrés Díaz achega unha nova entrega de “Notas do mar levado”. Un paseo polo Gerés, da man do colectivo XEA, e a lembranza de Juan Lago Collazo, a cargo de Luís Bará, completan un número que chega acompañado dun A FONDO sobre a riqueza musical dos órganos.

Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.