RESUMO

#Sermos358: Compostela e a fin do Camiño, historia de dúas cidades

As capas do semanario.

O semanario en papel Sermos Galiza volta ás rúas unha cuarta feira máis. A partir da noitiña da cuarta feira estará dispoñíbel na loxa.

O número 358 do Sermos Galiza en papel chega ás rúas e faino cun Tema de Primeira do máis actual: co Xacobeo 2021 no horizonte, medra o debate ao redor do impacto do turismo na cidade, na vivenda e nos seus habitantes.

Continuamos coa opinión, que leva as sinaturas de Luz Darriba e Mercedes Queixas, e co cadriño de Nacho Hortas. Ademais, Xoán Costa publica unha nova entrega de “A ollo nu”.

Sociedade abre cunha reportaxe sobre a posíbel indemnización á familia Franco de prosperar a demanda presentada polo Estado e cunha información sobre o desmantelamento do encoro de Pé de Viña.

“Feiraco, 50 anos coa mirada no futuro” é a reportaxe que protagoniza a sección sobre economía. As últimas novidades sobre En Marea e sobre Compromiso por Galicia e mais o painel de portavoces da Deputación de Lugo completan a sección Política.

En Internacional publicamos a entrevista con Floren Aoiz e en Cultura, facemos unha radiografía sobre o estado de saúde do jazz na Galiza e conversamos co director de cinema e xornalista Alberte Mera sobre o proxecto que levará a Moncho Reboiras á pantalla.

40 datas que fizeram a História da Galiza é o libro sobre o que se debruza esta semana Mario Regueira, en tanto que Andrés Castro analiza o filme Glass. A historia de Margarita López centra unha nova entrega da sección “De memoria”.

Ademais, o Caderno de Verán desta semana recolle unha reportaxe sobre as feiras de artesanía; o relato do escritor vasco Harkaitz Cano (traducido por Isaac Rubín) –que se enmarca na sección “Un verán en Galeusca”, iniciativa de Sermos Galiza, Berria e Vilaweb–; información sobre o Revenidas e as lembranzas de verán de Davide Salvado. Un paseo pola costa de Valdoviño e o selfie con Aser Álvarez completan un caderno onde non falta o Petisco de Letras.

En breve, o semanario estará dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira, nos quiosques e puntos de venda habituais.