Resumo

#Sermos357: Glifosato, semente de debate

As portadas do número 357 do semanario en papel Sermos Galiza.

Chega unha cuarta feira e con ela fechamos un novo número do semanario en papel Sermos Galiza, que suma 357 edicións e que a partir da noitiña deste día 31 podes adquirir na loxa.

A partir desta quinta feira estará nos quiosques e puntos de venda habituais o semanario Sermos Galiza número 357, que en breve estará dispoñíbel na loxa. Abrímolo cunha reportaxe sobre o glifosato, o potente herbicida co que se elimina a maleza das gabias das estradas galegas.

Continuamos, na sección de opinión, cunha nova entrega de A ollo nu, asinada por Xoán Costa, e coas columnas de María Pilar García Negro e Xavier Queipo. Sociedade protagonízano as invasións viquingas que sufriu Galiza, unha reportaxe que gaña actualidade coa celebración da romaría de Catoira. Tamén entrevistamos Anxo Queiruga, presidente de Cogami.

En Economía, informamos da última hora do conflito en R, que pon en perigo centos de postos de traballo e afondamos na transhumancia e os seus últimos protagonistas na Galiza.

Unha ollada á celebración do Día da Patria Galega por parte das forzas políticas e un painel de portavoces dos partidos con representación na Deputación de Pontevedra completan a sección sobre política.

Internacional inclúe unha entrevista con Eduard López, de ERC.

O Fóra de Serie abre cunha información sobre Xoán de Gante, duque de Lancaster e Rei da Galiza, e continúa cunha ampla entrevista á escritora Míriam Ferradáns. A crítica literaria pon o ollo en Penumbra, de Daniel Landesa, mentres que a de cinema analiza Impeachment. Fecha o Fóra de Serie o almanaque de agosto, ateigado de efemérides para non perder ningunha.

En canto ao Caderno de Verán, dedicamos a reportaxe principal a Viñetas desde o Atlántico, o festival de banda deseñada que decorrerá na Coruña do 5 ao 11 de agosto. Tamén publicamos máis un relato dentro da sección “Un verán en Galeusca”. Nesta ocasión, asínao Susana S. Aríns.

Ademais, coñecemos o verán de Guadi Galego e tomamos nota de todos os grupos que van actuar no SonRías, en Bueu, a próxima fin de semana. Un paseo por Manzaneda completa un Caderno de Verán en que entrevistamos, co selfie, Adrián González, director de O Salto.

O semanario estará dispoñíbel na loxa nas próximas horas e a partir da quinta feira nos quiosques e puntos de venda habituais.