Resumo

#Sermos352: A vixencia de Simone de Beauvoir

Chega a cuarta feira e con ela, a saída do semanario en papel Sermos Galiza do prelo. O número 352, que abre con voces galegas sobre a vixencia do pensamento de Simone de Beauvoir cando se fan 70 anos da publicación de “O segundo sexo”.

O segundo sexo é unha obra feminista de referencia. O primeiro volume desta publicación fai setenta anos e con este motivo reunimos as voces de cinco feministas galegas que, coa ollada actual, recuperan a esencia deste libro. Falamos con María Pilar García Negro, María Xosé Porteiro, Carme Adán, Marga do Val e Marga Marcuño.

En opinión, contamos coas sinaturas de David Otero e de Marga do Val, e cunha nova entrega da sección de Xoán Costa “A ollo nu”. En Sociedade, resgatamos os feitos vividos cando se proclamou a República galega e tamén poñemos o foco na loita LTBTI+.

En economía, alén das últimas novidades sobre R, publicamos unha reportaxe sobre a biotecnoloxía galega, que se atopa á cabeza no Estado español, mentres que en política nos debruzamos sobre as negociacións entre Podemos, Anova e EU para crear unha coalición de cara ás eleccións galegas. Ademais, en internacional, abordamos as experiencias de cooperación transfronteiriza entre Galiza e Portugal.

Abrimos Fóra de Serie cunha reportaxe sobre a poeta Pilar Pallarés días antes de recibir o premio Escritora na súa Terra da AELG e entrevistamos Mark Toscano, un dos cineastas máis reputados a nivel mundial, que viaxou da Academia dos EUA á Galiza.

“Galileo no espello da noite” é a protagonista da crítica literaria asinada por Mario Regueira, mentres que Andrés Castro debulla “Elisa e Marcela”, o filme de Isabel Coixet producido por Netflix.

Recollemos ademais as propostas literarias para o verán de Montse Pena Presas e coñecemos a poeta Olinda Beja da man de Xoán Costa. En Andar e Ver visitamos, desta vez, a ruta da Pedra Furada e publicamos as columnas de Pepe Barro, sobre deseño gráfico, e de Xulio Carballo, sobre banda deseñada.

O selfie protagonízao a escritora Rosalía Morlán.

Fecha este Fóra de Serie o calendario de xullo coas efemérides máis destacadas, cortesía da AS-PG.

Nas próximas horas, o semanario número 352 de Sermos Galiza estará dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira, nos quiosques.