Semanario en papel

#Sermos347: Outra UE é posíbel?

As capas do semanario.

Máis unha cuarta feira, o semanario en papel Sermos Galiza chega á rotativa e xa está dispoñíbel na loxa. Nesta ocasión, protagonizado polas eleccións europeas que teñen lugar o próximo domingo.

Baixo o título “Outra Unión Europea é posíbel?” preséntase o Tema de Primeira co que abre o número 347 do semanario en papel Sermos Galiza, que xa está á venda na loxa. Trátase dunha  análise que pon sobre a mesa os diferentes vimbios da UE e se é posíbel unha reforma.

 

Continúa o semanario coa sección de opinión, que nesta ocasión conta cos artigos de Marilar Aleixandre e de Guillerme Vázquez, e cos cadriños de Nacho Hortas e Tokio. Xoán Costa, en A ollo nu, recupera a historia do buque Scheldeborg.

 

En Sociedade publicamos unha reportaxe sobre a presenza do oso pardo na montaña galega e mais unha información sobre unha nova xornada de deseucaliptización que terá lugar ao longo da Galiza.

 

En Economía dedicamos unha dupla páxina ao novo libro de Albino Prada, sobre o hipercapitalismo dixital e tamén prestamos atención á folga en Citroën.

 

A acción exterior da Xunta de Galiza é analizada en Política, sección na que tamén nos debruzamos sobre a organización territorial do país.

 

Fóra de Serie abre cunha información do arqueólogo e museólogo Felipe Senén sobre o museo etnográfico Monte Caxado das Pontes e a entrevista da semana protagonízaa Arantza Portabales, coa súa novela Beleza vermella.

 

En canto ás críticas, Mario Regueira debulla Infamia, de Ledicia Costas, e Andrés Castro pon a ollada en A favorita. O Museo da Marioneta centra a sección teatral, a cargo de Manuel Xestoso.

 

Ademais, Mercedes Espiño ensínanos a elaborar o bacallau confeitado e o colectivo XEA lévanos a coñecer Caión, na Laracha. O selfie, a Ana Boedo, do comité de folga dos PAC, ten un marcado carácter reivindicativo.

 

As columnas de Iolanda Gomis e de Iria Veiga e a sección Galiza no mapa, que presenta unha cartografía do século XV, completan este número, que vén acompañado dun A FONDO sobre Torrente Ballester, Torrente, anos 30: a política antes que a literatura, da autoría do historiador Eliseo Fernández.

 

O semanario xa está dispoñíbel na loxa e a partir desta quinta feira, nos quiosques.