Semanario en papel

#Sermos343: Todo por decidir

As capas de Sermos Galiza

Despois do parón con motivo dos feriados de abril, o semanario en papel Sermos Galiza volve aos quiosques cun número no que son protagonistas as eleccións xerais do 28 de abril. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos puntos físicos habituais.

O semanario en papel Sermos Galiza suma xa 343 números e faino cun número que abre unha información sobre as eleccións xerais do 28 de abril, comicios aos que dedicamos un total de cinco páxinas. Así, ademais do Tema de Primeira, recollemos unha análise sobre as perspectivas electorais e unha escolma das respostas aos cuestionarios formulados por Sermos Galiza aos candidatos e candidatas das distintas forzas que se presentan ás eleccións.

 

As opinións da semana asínanas Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez e publicamos cadriños de Nacho Hortas e Tokio. En A ollo nu, Xoán Costa reflexiona sobre o refraneiro e os meses do ano.

 

Por outra banda, publicamos unha reportaxe sobre Erich Andres, o fotógrafo nazi que visitou Galiza, e damos a coñecer imaxes apenas difundidas até a data. Ademais, entrevistamos o historiador Justo Beramendi cando se fan 173 anos dos acontecementos que deron pé aos Mártires de Carral.

 

Unha reportaxe sobre o Primeiro de Maio, coas correspondentes mobilizacións e reclamacións, e outra feita polo xornalista portugués Bruno Amaral de Carvalho sobre o 25 de abril abren Economía e Internacional, respectivamente.

 

Fóra de Serie achéganos un novo episodio da sección A Galiza ignorada, onde desta vez analizados o exilio galego do século XIV, as súas causas e as súas consecuencias, e entrevistamos a poeta Olga Novo, que vén de publicar Feliz Idade.

 

A crítica de literaria, asinada por Mario Regueira, debulla Longas sombras na pedra, e a de cinema, de Andrés Castro, pon o foco en Spider-man, un novo universo. Ademais, Manuel Xestoso dá conta da nova produción do Centro Dramático Galego, Neorretranca e posmorriña.

 

Mercedes Espiño ensínanos a facer robaliza con acelgas e piñóns e o colectivo XEA lévanos a coñecer a Trapa do Aloia. Ademais, a psiquiatra Iria Veiga escribe sobre a influencia da Lúa nas nosas vidas e a filóloga Iolanda Gomis infórmanos sobre o colapso industrial galego 4.0.

 

O selfie é para Cristy Lojo, campioa de parakarate. Fechamos a sección co calendario de maio, cortesía da AS-PG.

 

[O número 343 do semanario en papel Sermos Galiza xa está á venda na loxa e a partir da quinta feira, nos quiosques]