Semanario en papel

#Sermos342: Conta atrás para as eleccións do 28 de abril

Chega a cuarta feira e con ela un novo número de Sermos Galiza. Desta vez, abrimos cunha información sobre as eleccións xerais, a ollos de analistas galegas e galegos. O Sermos Galiza en papel xa está á venda na loxa.

Todo pronto para as eleccións xerais. Con este tema abrimos o Sermos Galiza número 342, de 11 de abril, que afonda nos comicios do 28 deste mes cunha reportaxe que inclúe as opinións de analistas galegas e galegos e que tamén inclúe as propostas dos partidos políticos en materia de lingua e mais unha reportaxe en relación á mercadotecnia electoral.

 

Por outra banda, publicamos unha información relativa ao novo proxecto da Real Academia Galega sobre toponimia e unha análise de David Soto, profesor da UDC, sobre a Lei de abusos policiais en Euskal Herria. A sección de internacional completámola cunha crónica elaborada por Luís Castelo, investigador na Universidade de Birmingham, sobre o Brexit.

 

En Economía, publicamos unha reportaxe que xira ao redor das importacións de alimentos na Galiza. Importamos cada mes víveres por case 400 millóns de euros, principalmente pesca e cereais.

 

Abrimos o Fóra de Serie cunha peza de Victorino Pérez Prieto, que debulla o libro El grupo Nós. Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas y Antonio Losada Diéguez, de Carvalho Calero (tradución, introdución e notas de María Pilar García Negro). Incorporamos ademais unha entrevista coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

 

En canto as críticas, Mario Regueira pon a ollada en Metafísica da ausencia, de Marcus Daniel Cabada, e Andrés Castro escribe sobre a película Mandy. Neste número, Jasper Nao dá conta do novo traballo de Os amigos dos músicos e Belén Bermejo achéganos a Diego Ares, que estará os días 14 e 15 de abril en Galiza no ciclo De Lugares e Órganos, en Compostela.

 

O colectivo XEA dános a coñecer a costa de Burela mentres que a xornalista Montse Fajardo nos achega á vida de Isaura Pazos, unha das vítimas da represión.

 

A sección inclúe achegas do grafista Pepe Barro e do experto en tecnoloxía e innovación Iago Varela. O selfie protagonízao Xan Rodiño, da Liga Nacional de Billarda.

 

En canto á opinión, neste número publicamos as columnas de Mercedes Queixas e de Luz Darriba, así como os cadriños de Nacho Hortas e Tokio. Xoán Costa, pola súa banda, dános a coñecer a interesante historia do Inés F.C.

 

[O Sermos Galiza xa está á venda na loxa]