#Sermos341: Camiño do ermo industrial

Alcoa, Poligal, Ferroatlántica... son casos representativos de perda de postos de traballo na industria, un sector estratéxico na economía e cuxo peso diminúe a pasos de xigante. Con este tema abrimos o número 341 do Sermos Galiza en papel.

Son 26.000 os postos de traballo perdidos na industria desde 2009, ano en que Alberto Núñez Feixoo chegou ao poder. O obxectivo do Goberno galego, e tamén da Unión Europea, pasaba por conseguir que o peso da industria no país acadase o 20% en 2020. Cada ano que pasa Galiza está máis afastada desa meta.

 

A situación de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal agravarían aínda máis o estado da industria galega. De aí que dediquemos o Tema de Primeira do semanario en papel Sermos Galiza, que vai polo seu número 341 a analizar o sector secundario da economía galega.

 

En Sociedade abrimos cunha entrevista a José María ‘Chato’ Galante, torturado nos últimos anos da ditadura franquista e continuamos cunha reportaxe sobre os incendios que está padecer Galiza no inicio da primavera.

 

Economía debulla a fraude en produtos que se presentan como galegos e non o son. E é que non hai Denominación de Orixe Protexida (DOP) ou Indicación Xeográfica Protexida (IXP) sen a súa correspondente falsificación. Analizamos os produtos máis afectados.

 

As páxinas sobre política protagonízanas as eleccións xerais. As prioridades da Galiza na próxima lexislatura e as propostas programáticas das forzas políticas en relación á ordenación do territorio centran a sección.

 

En Internacional, publicamos unha análise de Manuel Mera sobre Kosovo cando se fan 20 anos dos bombardeos da OTAN contra a extinta Iugoslavia.

 

O Fóra de Serie comeza cunha peza do arqueólogo e museólogo Felipe-Senén na que vincula Vicente Risco co orientalismo e na que dá conta da influencia do Oriente na Galiza e continúa cunha entrevista a dupla páxina con María Xosé Silvar “Ses” en relación ao seu novo disco, Rabia ao silencio.

 

Elisa e Marcela. Amigas e amantes, de Narciso Gabriel, é analizada por Mario Regueira, e Andrés Castro fai o propio co filme The Wife. Ademais, Xulio Valcárcel escribe sobre a súa última obra, Invención dun deus.

 

Mercedes Espiño convídanos a probar esta semana espinacas con mazá e Vide Vide danos a coñecer o viño Cazapitas 2018. Para favorecer a dixestión, o colectivo XEA lévanos de viaxe ao miradoiro da Bailadora, un punto panorámico sobre a ría de Ferrol.

 

Fechamos o Fóra de Serie cunha nova entrega dos campos do terror, que nesta ocasión dedicamos aos da Pobra do Caramiñal. O selfie protagonízao a profesora Rosana Freire, da Biblioteca do IES Punta Candieira de Cedeira, que denunciou a censura dun poema durante unha actividade.

 

Completamos a sección coas columnas de Míriam Ferradáns e de Carme Adán.

 

O número incorpora as opinións de María Pilar García Negro e de Xavier Queipo e cos cadriños de Nacho Hortas e Tokio. Xoán Costa escribe desta vez en A ollo nu sobre as vantaxes do verán galego.

 

Desde esta cuarta feira, día 3 de abril, o semanario está á venda na loxa e a partir da quinta feira, día 4, nos quiosques.