Semanario en papel

#Sermos340: Luís Seoane, Día das Artes Galegas

A próxima segunda feira, 1 de abril, conmemórase o Día das Artes Galegas, que este ano se lle dedica a Luís Seoane. É por iso que abrimos a edición número 340 do semanario en papel Sermos Galiza cunha reportaxe sobre a obra do artista.

Fechamos un novo número do semanario en papel Sermos Galiza, que suma 340 edicións. Nesta ocasión, dedicámoslle a capa e o Tema de Primeira, a coñecer a obra espallada de Luís Seoane, a quen se lle homenaxea co Día das Artes Galegas o próximo 1 de abril. Intelectual inconmensurábel e polifacético, exiliado, militante da esquerda e o nacionalismo, poeta e facedor de libros, deseñador e debuxante, a súa pintura situouno entre os máis avanzados artistas galegos do século e nun imbatíbel renovador da materia.

 

Continuamos cunha reportaxe sobre as publicacións feministas que viron a luz na Galiza e que agora recompila o Consello da Cultura Galega e tamén debullamos a visión antropocéntrica da medicina coas médicas Lola Ferreiro e Flora Miranda.

 

En Economía publicamos unha conversa con dous afiliados da CIG polos seus 25 anos de vida. Así, facemos de testemuñas no diálogo que manteñen Vitorino Ares e Maca Rodríguez sobre o sindicalismo.

 

En Política recollemos dúas análises, unha sobre a desaparición de Galiza na precampaña das eleccións xerais e outra sobre a situación política en Oleiros, no marco das informacións publicadas en que examinamos as perspectivas electorais nas cidades e vilas con máis poboación do país.

 

Na sección sobre internacional, retrocedemos oito anos para poñermos o foco no comezo da guerra en Siria e analizamos o contexto actual.

 

Fóra de Serie abrímolo cunha reportaxe sobre o disco-libro da AS-PG e da Mesa pola Normalización Lingüística Pondaliana, con 15 poemas de Pondal musicados. Ademais, publicamos unha entrevista cos libreiros Xesús e Pablo Couceiro, cuxa libraría vén de facer 50 anos.

 

A respecto das críticas, esta semana Mario Regueira analiza Non trabes na lingua, de Antón Cortizas, e Andrés Castro fai o propio co filme The Guilty. En Letras Miúdas, Montse Pena Presas debulla o novo libro de Eva Mejuto, Memoria do silencio e o colectivo XEA lévanos, desta vez, á carballeira de Xesta, na serra do Suído.

 

Ademais, en Das africanas praias, Xoán Costa dános a coñecer Khédija Gadhoum e Pepe Barro relátanos como se creou o primeiro deseño do “Cuponazo”. Xulio Carballo publica a terceira entrega de “A banda deseñada no ensino”. O selfie protagonízao a deseñadora Elga Fernández Lamas. Fechamos o Fóra de Serie co almanaque de abril, cortesía da AS-PG.

 

En canto á opinión, publicamos os artigos de David Otero e de Marga Do Val, que acompañan os cadriños de Tokio e Nacho Hortas e a unha nova publicación de “A ollo nu”, asinado por Xoán Costa e titulado “Globe trotters polo Estatuto”.

 

[O número 340 de Sermos Galiza sae á venta na tarde da cuarta feira na loxa e a partir da quinta nos quiosques e puntos de venda habituais]