Resumo do semanario

#Sermos338: A venda de óvulos

Autobuses, marquesiñas, pantallas xigantes… as unidades de reprodución asistida enchen os campus universitarios de publicidade para captaren doantes de óvulos, mais é unha doazón ou é un negocio? Abrimos con este tema o número 338 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda nos quiosques a partir da quinta, 14 de marzo e a partir da noitiña da cuarta na loxa.

“O superpoder de vender os teus óvulos” é o título da reportaxe que abre esta semana o número 338 do semanario Sermos Galiza en papel. Unha información que pon a ollada na comercialización de óvulos e nas súas consecuencias.

 

Regresamos ao pasado para coñecer os feitos que rodearon a morte das coñecidas como mártires de Paramos, un episodio da memoria máis recente da que apenas se teñen datos. Ademais, cinco activistas feministas sinalan os deberes que fican por facer após as mobilizacións masivas do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora.

 

A loita laboral en Poligal e as consecuencias do incremento do salario mínimo interprofesional son os temas que levamos na sección Economía.

 

En Política analizamos os posicionamentos dos partidos a respecto da política lingüística do PP, que volve meter o galego en campaña. Ademais, viaxamos a Narón para coñecer as perspectivas electorais neste concello, un dos que máis habitantes posúe de toda Galiza.

 

A nivel internacional coñecemos a realidade das aldeas de mulleres libres que existen en Quenia e mais no Curdistán.

 

Abrimos o “Fóra de Serie” coa forza do hip hop en galego e dedicámoslle a entrevista principal ao presidente da Real Academia Galega, escritor, editor e xornalista Víctor F. Freixanes, co que conversamos sobre lingua e literatura.

 

A crítica literaria, asinada por Mario Regueira, debrúzase sobre A derradeira bala, de Fernando Castro Paredes, e a de cinema, asinada por Andrés Castro, sobre Dogman.

 

O colectivo XEA lévanos a visitar o Castro Cavadoso, nas terras do Ribeiro e o equipo de autores da sección mensual Notas do mar levado escribe sobre Manuel Sariñera e o ballet galego. Iago Varela relátanos a súa visita ao Mobile World Congress mentres que Pepe Barro escribe “Xelmírez bota a andar a roda”. En Caderno de Navegación, Jasper Nao amósase crítico co concerto Venezuela Aid e en De memoria, María Xesús López Escudeiro danos a coñecer a figura de María Castro.

 

Por outra banda, Xoán Costa dedica A ollo nu ao teleautógrafo, ao que acompañan as columnas de opinión de Luz Darriba e Mercedes Queixas e mais os cadriños de Nacho Hortas e Tokio.

 

[O semanario en papel estará á venda a partir da quinta feira, día 14, nos quiosques e xa pode mercarse na loxa online]