Semanario en papel

#Sermos337: Mulleres en folga

Sermos Galiza suma un novo semanario en papel e faino coa ollada posta no 8M, en que se conmemora o Día da Muller Traballadora. Dedicamos gran parte do número 337 a contidos relacionados coa igualdade.

Aínda que cada número do Sermos Galiza en papel está concibido baixo a perspectiva de xénero, este 337 centramos aínda máis a ollada nas mulleres, que protagonizan as primeiras páxinas do semanario. Así, o Tema de Primeira consiste nunha reportaxe sobre as reivindicacións da folga do 8M, que inclúe unha listaxe coas principais mobilizacións que terán lugar ao longo da Galiza.

 

Continuamos cunha información a respecto da desigualdade nos centros de ensino que segregan o alumnado por razóns de xénero e con outra sobre os anuncios de prostitución en medios de comunicación. A mercantilización do feminismo por parte de grandes firmas da industria téxtil é outro dos temas que recollemos neste número 337.

 

No apartado de economía, coñecemos as razóns da operación falida de Abanca con Liberbank, mentres que en política viaxamos a Pontevedra para atendermos ás previsións electorais dos comicios municipais de maio. Aliás, “A tiranía do capital em América Latina” é a análise do economista Joám José Romero Durán na sección de internacional.

 

O tema principal do Fóra de Serie tamén é protagonizado polas mulleres, pois resgatamos os libros galegos que sentaron as bases do feminismo no país. A entrevista centrámola no mundo da banda deseñada, da man dun dos maiores expertos na materia, Xulio Carballo.

 

As columnas da escritora Míriam Ferradáns e da catedrática de Filosofía Carme Adán completan unha sección que esta semana recolle a crítica literaria de Mario Regueira a Rosalía feminista e a de cinema de Andrés Castro a Infiltrado no KKKlan. Ademais, Rebeca Castro escribe sobre a súa última obra.

 

En canto á receita, Mercedes Espiño convídanos a preparar unhas tortiñas de lentellas con espinacas e quinua. Que mellor que facermos a dixestión da man do colectivo XEA paseando pola costa de Tirán, en Moaña. Os campos de concentración de Muros son outro dos contidos deste número de Sermos Galiza, que recolle o selfie con Luís Davila “O Bichero”.

 

A respecto da opinión, escriben no 337 do semanario en papel María Pilar García Negro e Xavier Queipo. Aliás, Xoán Costa descóbrenos Enid Blyton en “A ollo nu”.

 

Acompaña o semanario o número 10 do caderno Sermos Escola, editado pola AS-PG.

 

Podes mercar o semanario nos quiosques a partir da quinta feira, día 7 de marzo, ou a través da loxa.