SEMANARIO EN PAPEL

#Sermos335: Rosalía, auténtica no semanario en papel

Como cada cuarta feira, fechamos un número máis do semanario en papel de Sermos Galiza. E xa van 335. Nesta ocasión, con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora o 24 de febreiro, data do seu nacemento, abrimos o xornal cunha ampla reportaxe sobre o pensamento rosaliano.

Sermos Galiza vén de fechar o número 335 do seu semanario en papel. Un número que abrimos coa reportaxe sobre a vixencia do pensamento de Rosalía de Castro días antes de que se conmemore o nacemento da escritora. A información complétase cun cadro que recolle os principais actos de homenaxe que xa están confirmados.

 

Aliás, neste número de Sermos Galiza entrevistamos Xesús Asorei polo Día do Apicultor e da Apicultora. O portavoz da asociación de persoas apicultoras explícanos a problemática á que se enfronta o sector e dá as chaves para acabar cos prexuízos que padecen. Ademais, publicamos unha extensa información sobre os contidos do monográfico "De Nós", que chegan á súa cuarta edición. A publicación, editada por Sermos Galiza, S.A., dedícase nesta ocasión ao entroido e documenta máis de 50 variedades da Galiza interior da man do fotógrafo Santos, profesional que leva máis de 30 anos fotografando os entroidos.

 

Por outra banda, abrimos a sección de Economía cunha peza sobre o pacto social e completámola cunha reportaxe sobre o negocio do porco celta, cuxo consumo experimenta un aumento considerábel coa chegada do entroido.

 

En Política, debullamos as perspectivas electorais de Compostela e analizamos as consecuencias do non do Partido Popular a transferir á Galiza as competencias en seguranza marítima.

 

A respeito de Internacional, centrámonos no adianto electoral a nivel estatal e mais no xuízo ás catalás e cataláns por defenderen o dereito a realizar un referendo sobre a independencia de Catalunya.

 

O Fóra de Serie abre cunha información sobre o incremento de público nas salas que emiten cinema independente e dedícalle a entrevista principal a María Xesús Nogueira, editora da poesía de Xela Arias que vén de publicar en Xerais. Ademais, recollemos os artigos de Iolanda Gomis e Iria Veiga, así como a crítica teatral asinada por Manuel Xestoso. Mario Regueira analiza Macedonia de versos, de Concha Blanco, e Andrés Castro fai o propio con Roma.

 

Esta semana Mercedes Espiño proponnos escuma de manga como sobremesa gorentosa e Vide Vide dános a coñecer o Pinka 2015. Para axudar á dixestión, o colectivo XEA lévanos a coñecer a praia de Lagoelas, no Morrazo. Fechamos a sección cunha nova entrega de Galiza no mapa, sección sobre cartografía que nesta ocasión difunde o mapamundi do Salterio da Abadía de Westminster. O selfie dedicámosllo a Barahúnda.

 

Escriben as columnas de opinión Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez.

 

Acompaña este número 335 de Sermos Galiza un A FONDO coordinado por Héitor Picallo e Emma Pedreira sobre María Xiráldez.

 

O semanario xa está á venda na loxa e a partir de mañá, nos quiosques.