#Sermos334: A industria electrointensiva e a factura eléctrica

É cuarta feira e vimos de poñer punto final ao número 334 do semanario Sermos Galiza, que estará á venda nos quiosques esta cuarta feira.

A raíz do anuncio do ERE en Ferroatlántica –que agrava a situación do sector coa intención de feche de Alcoa– abrimos o número 334 de Sermos Galiza cunha reportaxe sobre a crise da industria electrointensiva e sobre a relación que ten coa factura eléctrica e consultamos con voces autorizadas que coñecen a fondo o sector.

 

En Sociedade, centrámonos en desmontar o mito do amor romántico da man das profesoras Chis Oliveira e Amada Traba e analizamos o informe da Liña do Galego, servizo da Mesa pola Normalización Lingüística que recolle as queixas das persoas excluídas por empregaren a lingua.

 

Continuamos con Economía, sección que abre cunha información que repasa os conflitos laborais da semana e que continúa cunha ampla entrevista a Eusebio Rey, director xeral de Prosistemas, a empresa galega que vén de gañar o premio máis recoñecido a nivel internacional en materia de planimetría.

 

En Política analizamos a situación de Lugo cando apenas quedan tres meses para a convocatoria electoral. Tamén ofrecemos unha panorámica da escena política galega após a multitude manifestación do domingo en Compostela en defensa da sanidade pública e logo da participación de Alberto Núñez Feixoo na mobilización españolista de Madrid.

 

Internacional dedicámolo a analizar o contexto en que ten lugar o xuízo ao procés soberanista da man do profesor asociado de Ciencias Políticas da Universitat de Barcelona Silvio Falcón e coa opinión do profesor contratado da Área de Dereito Procesual da UDC e membro de Esculca David Soto.

 

En canto ao Fóra de Serie, publicamos unha nova entrega da sección sobre historia “A Galiza ignorada”, que nesta ocasión dedicamos a Dona Sancha e Dona Dulce, raíñas de Galiza por un mes. Continuamos cunha entrevista á escritora Inma López Silvia e pechamos con “De memoria”, que resgata a biografía de Placeres Castellanos. Completan o Fóra de Serie as críticas literaria e de cinema; a columna de Pepe Barro sobre os símbolos de Galiza; a viaxe que nos propón o colectivo XEA á Laxe das Rodas (Muros); a sección que asina cada mes Jasper Nao sobre música e a que asina Iago Varela sobre tecnoloxía, entre outros moitos contidos.

 

Este número 334 conta coas opinións de Luz Darriba e Mercedes Queixas e acompáñao o Sermos Adega, o suplemento da asociación ecoloxista ADEGA.

 

A partir da quinta feira, o Sermos Galiza número 334 estará á venda nos quiosques. Xa dispoñíbel na loxa