#Sermos332: a promesa eterna do saneamento das rías

Máis un número do semanario tirado do prelo. Entrevistamos o cónsul de Venezula en Vigo, Martín Pacheco, e o escritor e editor Antón Lopo. Falamos da dobre condena que sofren as persoas presas con discapacidade, analizamos a situación política de Ferrol cara ás municipais e contamos a desidia oficial que enzoufa as rías galegas. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Máis de 300 reclusas e reclusos con discapacidade física, psíquica, intelectual e sensorial conviven co resto de persoas internas nos cárceres galegos. ‘Presas con discapacidade: duplo cativerio’.

 

Aínda que sen a forza doutras datas, no calendario da cultura popular galega o Día da Candeloria ocupa un lugar preeminente, como proba o feito de ser protagonista de múltiples refráns que perviven na actualidade. “Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar”; ou “Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola”. ‘Día da Candeloria, o acervo apropiado polo cristianismo’.

‘A proposta de lei educativa, un infortunio para un ensino de noso’. Unha ollada ás mudanzas propostas polo Goberno central para modificar a LOMCE.

 

Máis unha entrega da análise sobre a situación política nas cidades e as perspectivas electorais de cara ao mes de maio. Neste caso, poñemos o foco en Ferrol, cidade onde nunca recuncou un alcalde. Todo apunta a que historia voltará a repetirse, pois as posibilidades de que o actual rexedor, Jorge Suárez (Ferrol en Común) repita no cargo son remotas debido ás feblezas do seu Goberno e á división do que se deu en chamar confluencia. ‘Ferrol, a cidade da oportunidade única’.

 

‘A desidia oficial enzoufa as rías galegas’ A reapertura da petición sobre as rías galegas no Parlamento Europeo volve poñer de manifesto a realidade: a desidia das administracións ao respecto é persistente. Aínda que o proxecto de orzamentos do Estado de Pedro Sánchez consigna oito millóns de euros para iniciar o dragado da ría do Burgo –a máis afectada pola polución–, activistas e políticas da oposición lembran os reiterados incumprimentos de anteriores gobernos centrais.

 

É a voz da revolución bolivariana no noso país. Antigo director de Comunicación de Hugo Chávez, Martín Pacheco, cónsul de Venezuela en Vigo, ten claro que a saída ao conflito político que vive o seu país é a que apoian actores internacionais como México e Uruguai. Aposta, pois, nun diálogo aberto coa oposición, mais desde o respeito á soberanía nacional, nas antípodas do intervencionismo de Washington e Bruxelas. “Todo o mundo ten que entender que estamos perante un golpe de estado, un golpe continuado que xa vén desde 2002”.

 

O Govern regula o sector do transporte urbano privado contra os intereses das multinacionais Uber e Cabify. ‘Os taxistas pactan con Puigdemont’.

Entrevistamos Patricia Mariño, a avogada da CIG que se ocupou do caso da empregada de Termocalor acosada polo xerente á volta dunha baixa por maternidade, cando o Supremo vén de confirmar a sanción de 20.000 euros á empresa viguesa. “A conciliación é unha falacia”.

 

En xuño de 2020 Meirama deixará de funcionar como central térmica de carbón. O persoal pide que isto non sexa a fin deste enclave industrial na zona de Ordes e Cerceda e defende a viabilidade do complexo de facérense os investimentos precisos. “Outra cousa sería un paso importante para esta comarca”, sosteñen desde o comité de empresa. ‘Outra Meirama é posíbel’.

 

‘Extraordinario’ (Galaxia, 2018) é unha historia de emancipación. De opresión e liberdade. De identidades sufocadas e ningún medo a voar. O relato en primeira persoa da construción dunha vida non dominada. A novela que lle valeu a Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) o premio Narrativa Breve Repsol tamén se pode ler, explica o autor, “como un longo poema en prosa”. Falamos co escritor e editor: “O pensamento e a escrita e a arte son sobre todo un exercicio de sentido do humor”.

 

‘Os irmandiños bercianos’ Pescudamos na revolta irmandiña nos territorios estremeiros do Bierzo da man de Xabier Lago Mestre, licenciado en Historia Moderna pola Universidade de Salamanca, que vén de participar no ciclo de conferencias “Economia, História e Realidade Social” organizada pola Asociación Cultural O Facho da Coruña.

Non faltan as achegas e colaboración de Xoán Costa, David Otero, Marga do Val, Nachortas, Tokio, Xulio Carballo, Pepe Barro, Colectivo Xea, Mario Regueira, Montse Pena, Andrés Castro.

 

AFondo: Amor. Sexo. Soidade

 

O amor que avanza, o amor decepcionado, as novas e vellas formas do machismo, as condicións de amor, a pornografía como iniciación, as leis do desexo, as soidades... Tres voces da psicanálise lacaniana en Galiza axúdannos a entender mellor algúns dos desacougos que nos producen o amor e o sexo no mundo actual.