Novo número do semanario na rúa e na nosa loxa

Sermos331: 3.000 voces álzanse para soster un diario en galego

Xa está aquí o Sermos331

3.000. Ultrapasada esa cifra, O Diario Galego verá a luz en 2019 e esa noticia —sen dúbida, unha nova moi boa para o espazo de comunicación deste país— ocupa toda a capa do Sermos331, xa na rúa e na nosa loxa. Son 3.000 voces que se alzaron en demanda dun xornal que conte o que pasa na Galiza e o mundo con óculos propios, non emprestados, en defensa exclusivamente dos intereses galegos.

"Do utópico ao real: o diario en galego sairá enn 2019", así titulamos as dúas páxinas do Tema de Primeira que desta volta dedicamos á noticia do aparecimento este mesmo ano dun xornal diario galego e en galego, un medio chamado a reforzar o espazo de comunicación deste país e a pór fin a unha anomalía que nos mancaba como nación, a de sermos a única do estado con lingua propia que carecía dun medio impreso diario.

 

Contámosvos nestas páxina que se teñen conseguido as 3.000 presubscricións que se consideraban imprescindíbeis para garantir a viabilidade do proxecto, mais ao mesmo tempo noticiamos que Sermos Galiza aspira a aumentar os apoios e, portanto, vai manter aberto o prazo para incorporar máis voces, máis persoas, a este proxecto colectivo.

 

"A reacción é de satisfacción e de aumento da autoestima", afirma nunha entrevista o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A., Xoán Costa. Interpelado a respeito de que lle diría a quen non se fixo aínda asinante por dubidar do proxecto, Costa responde: "Hai algunhas persoas que pensan que non é o momento dun diario en papel. A esas persoas eu diríalles que o xornal impreso ten, e seguirá a ter a certo prazo, moitísimo consumo leitor diario. Esa leitura, e através dela a interpretación do mundo, estase a facer na Galiza desde outra lingua e é indispensábel facela desde a lingua propia".

 

Alén da noticia da saída do Diario Galego neste 2019, este Sermos331 debrúzase, entre outros contidos, sobre a situación do termalismo en Ourense -unha reportaxe de Laura D. Veiga nas páxinas de Sociedade- ou sobre os distintos muros que separan e dividen a humanidade no planeta -un texto de Uxía Castro en Internacional.

 

Xa en Política, encetamos cunha análise sobre a A Coruña unha serie de reportaxes en relación ás municipais de 2019 e detémonos tamén a estudar a abulia lexislativa do Goberno Feixóo.

 

En Economía abrimos unha ventá para que se exprese Suso Seixo, secretario xeral da CIG durante o período 2011-2017 e ao que a central nacionalista vai homenaxear o próximo día 26 de xaneiro en Compostela. "Sermos a primeira forza sindical non é un mérito persoal meu, senón de centos de persoas", dinos nunha entrevista a dupla plana. "Correspóndellle ao nacionalismo político convencer a clase traballadora galega para que o vexa como referente dos seus intereses estratéxicos", afirma.

 

Canto ao Fóra de Serie, e alén das súas seccións habituais, pomos en destaque unha entrevista de Mario Regueira á escritora Úrsula Heinze, quen nos di que "teño máis de setenta libros publicados, pero nunca percibín recoñecimento". Abrimos tamén espazo para a prosa de Daniel Salgado, que lle dedica unhas liñas á última obra de Suso de Toro, un ensaio titulado Dentro da literatura.