#Sermos330: a cultura galega, á procura da profesionalización

Máis un semanario saído do prelo. Entrevistamos Carme Adán e Susana Aríns, coñecemos o potencial da castaña para a economía produtiva, examinamos o proxecto de orzamentos do Estado para Galiza e redescubrimos a princesa británica que deu raíñas a Galiza. Todo isto e máis xa na nosa loxa.

O territorio da cultura vive intres críticos. A transformación tecnolóxica, a desidia dalgunhas administracións a comezar pola Xunta, as dificultades para delimitar os seus lindes respecto do turismo ou, sobre todo, a precariedade laboral preocupan a diferentes axentes do sector. As proxeccións que realizan para o ano que empeza entornan, porén, un aire de resistente esperanza. ‘Cara a unha cultura non precaria’.

 

Pensar é un acto revolucionario. E o último libro de Carme Adán (Donostia, 1966) –catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo, coordinadora de Pensamento e Sociedade no Consello da Cultura Galega e ex secretaria xeral de Igualdade– é unha invitación a facermos a revolución desde o pensamento. ‘Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión (Galaxia)’. Falamos con ela: “A capacidade de cambio do feminismo non a tivo ningún movemento social”.

 

‘A represión contra o nacionalismo durante o estado de excepción de 1969’ O estado de excepción de 1969, o oitavo que decretaba a ditadura e o primeiro que afectaba a todo o Estado, levouse por diante perto de cincuenta antifranquistas galegos. Uns padeceron cárcere, outros foron torturados en cuarteis e comisarías e tamén houbo quen foi desterrado a centos de quilómetros da súa residencia. Recuperamos cincuenta anos despois a memoria dos militantes nacionalistas represaliados.

O proxecto de orzamentos xerais do Estado (OXE) que o Goberno español remiteu ao Congreso esta semana contén unha peculiar carambola: é quen de aumentar o esforzo inversor en máis de 13% en todo o Estado mentres se reduce en Galiza en 19%. Unha falla de compromiso que vai alén da redución nas partidas destinadas ao AVE por mor da finalización do proxecto. ‘Orzamentos de costas a Galiza’.

 

‘En Marea ao bordo do colapso’ O accidentado proceso interno para a escolla da dirección de En Marea acabou de abrir a fenda que, practicamente desde a súa constitución, dividía o partido instrumental. A meirande parte dos sectores activos no “espazo de confluencia” dan por descontada a ruptura orgánica. Na formación de esquerdas, que de momento encabeza a oposición parlamentaria ao PP, apenas existen voces que albisquen con clareza o mantemento da unidade.

 

O continente abala entre as perspectivas reformistas do novo goberno mexicano, a continuidade dos proxectos de Bolivia e Venezuela e a reacción liderada por Bolsonaro baixo a tutela de Washington. ‘Os rumbos da política na Nosa América’. ‘Londres continúa sen achar a saída no labirinto do Brexit’ Humillante derrota de May en Westminster e bloqueo ao negarse a primeira ministra a demitir.

 

‘O potencial da castaña na economía produtiva’ Adóitase asociar ao outono, mais a castaña ofrece múltiples posibilidades no mercado de transformación que permiten desestacionalizar un froito que, despois de décadas deostado, goza agora de protagonismo na cociña. Os beneficios da castaña galega, que é recoñecida fóra do país, van alén do económico, ao favorecer o asentamento da poboación no rural e ao contribuír a un monte ordenado.

A recuperación ten letra pequena, a rodapé, que matiza cando non emenda os titulares triunfantes de que a recesión é pasado. Unha desas letras pequenas indica que se alarga a diferenza entre sectores con maiores e menores salarios. Outra, que o emprego que se crea é sobre todo nestes últimos. ‘A letra pequena da recuperación’.

 

Entrevistamos Susana Sánchez Aríns, que cumpre neste 2019 uma década da publicação de [de]construçom (Espiral Maior), que vem sendo também o décimo aniversário do seu debute na escrita pública. “Som ciente do lugar que ocupo e sei que não sou mainstream”.

 

‘Milia de Wessex: a princesa británica que deu raíñas a Galiza”. Era filla do rei británico Edgberto de Wessex e casou co neto do rei galego Froila I. A súa relación enténdese no contexto da intensa axenda internacional despregada polas nosas clases dirixentes e a súa xinea explica a historia do espazo cristián peninsular na alta Idade Media e o papel reitor da oligarquía galega. Ao fin, unha princesa británica que vén botar luz sobre o Reino de Galiza.

 

E non faltan as achegas e colaboración de Xoán Costa, Luz Darriba, Machortas e Tokio, Mercedes Queixas, Andrés Díaz, Colectivo Xea, Marga Do Val, Andrés Díaz, Colectivo Xea, Andréscastro, Mario Regueira, Jasper Nao, Pepe Barro.

Afondo: Os terribles de Donas: 80 anos da música galega

 

A música tradicional de “Os Terribles de Donas” recolle unha tradición e unha historia propia e singular que estamos reconstruíndo no presente para ter tamén un futuro propio no que a nosa singularidade teña cabida no mundo como algo distinto e apreciábel. Sobre esa historia construímos esta unidade didáctica.