#Sermos324: o xogo que engancha

Máis un número saído do prelo: a adicción ao xogo en Galiza na era dixital, as rebaixas fiscais de Feixoo que favorecen os millonarios, entrevistamos Antón Sánchez, portavoz de Anova e viceportavoz parlamentar de En Marea; e o músico Jásper ‘Nao’, debullamos os mil segredos do Culturgal… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

 

Desde a regularización do xogo en liña, en xuño de 2012, o sector non deixa de rexistrar cifras récord. Crecen os beneficios, as novas persoas usuarias, as xogadoras e xogadores activos, as cantidades apostadas, o investimento en marketing e publicidade, e tamén as e os ludópatas. Xa non son os que eran. Xogan menos ás comecartos e apostan máis pola internet. Comezan moi novos, algúns moito antes de facer os 18, sen percibir o risco de acadar a maioría de idade sendo adictos ao xogo. ‘Apostar a perder. O xogo en liña e as apostas deportivas xa xeran máis ludópatas que as máquinas comecartos’.

 

'O ensino volve ás urnas’. O profesorado non universitario de Galiza volve estar chamado a elixir as súas e os seus representantes. Faino nun contexto laboral timidamente mellor que o de 2014, mais coa certeza de que, segundo explican as portavoces das centrais sindicais con maior representación, hai moito por facer para recuperar os niveis salariais e de estabilidade da etapa pre-Feixoo.

 

‘Sobredo, máis de 30 anos reconstruíndo memoria’. da man De Xosé Manuel Suárez Estévez, membro do Instituto de Estudos Agrarios “Mártires de Sobredo”, repasamos máis de trinta anos de conmemoración desde a reconstrución da escultura, que tomou corpo na década dos oitenta.

“Non ten sentido unha marea asentada nas institucións”. Portavoz nacional de Anova e viceportavoz de En Marea no Parlamento, Antón Sánchez (Alacant, 1974) aténdenos días antes de que teñan lugar as eleccións da nova dirección do partido que na actualidade encabeza Luís Villares. Faino no seu despacho do Hórreo, de cuxas paredes non colga nin un só cadro, nin conta con decoración ningunha. Di que non quere sentirse nel como na casa e insiste, ao longo da conversa, na necesidade de facer política cos movementos sociais, alén das institucións.

 

 

Na Galiza hai 55.300 persoas que reciben algún tipo de prestación de dependencia; 12.000 que agardan por un recurso que lles corresponde mais ao que a administración non dá resposta, e 2.250 persoas pendentes de saber se teñen dereito a ese servizo. Datos para unha radiografía que amosa unha lei, a da dependencia, que fica curta para un país como o noso, en avellentamento acelerado e con cada vez menos poboación. ‘Dependendo da dependencia’.

 

'O PP rectifica e mantén o control do poder xudicial’ Apenas oito días sobreviviu o pacto bipartidista, apoiado por Podemos, para se repartir as 20 cadeiras máis a presidencia da cúpula do poder xudicial. Non todo estaba atado e ben atado. A renuncia de Manuel Marchena a presidir o Consello Xeral do Poder Xudicial serviu ao PP de pretexto para se desdicir do acordo.

 

'Khashoggi, drama e imperialismo senil’ O asasinato en Istambul do xornalista saudita Jamal Khashoggi, crítico coa política actual do seu país, deixou en evidencia os métodos brutais que utiliza a monarquía wahabita contra a oposición, e fai tamén patentes os apoios e consentimentos externos de que goza Riad.

‘O regalo de Feixoo ás rendas altas galegas’. As fortunas galegas aforrarán en 2019 por volta de 18 millóns de euros, unha cantidade que tería que ir para a facenda galega mais que continuará no peto das rendas máis altas. É a consecuencia da decisión do goberno do PP de rebaixar en 20% o Imposto do Patrimonio, ese que na Galiza pagan 7.700 persoas que acumulan unha fortuna de 40.000 millóns de euros.

 

O anuncio da ministra de Transición Enerxética, Teresa Ribera, sobre a continuidade das centrais térmicas do Estado español que non se teñan adaptado á directiva europea de emisións provocou un tremor nas traballadoras e traballadores das instalacións das Pontes e Meirama, que afrontan o horizonte máis inmediato de distinto xeito. ‘Hai vida para o carbón alén de 2020?

“O difícil é ser rebelde cando xa tes 40 anos”, di Jasper, cantante de Nao, ao que entrevistamos neste número. O grupo, todo un emblema da música galega, anunciou a súa despedida. Jasper, que cada mes verte en Sermos Galiza a súa visión da música galega, subliña que “o noso amor nunca desaparecerá e Nao estará sempre aí porque é imposíbel deixar orfo o que creamos”.

 

‘A feira das mil industrias culturais’. Cinco escenarios, 80 empresas e asociacións e 140 actividades son a síntese da Feira das Industrias Culturais Culturgal. Do 30 de novembro ao 2 de decembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra convértese no epicentro da produción cultural galega e o seu mercado.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Nachortas e Tokio, Marga do Val, Rosa Conde, Xulio Carballo, Belem Tajes, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés castro, Montse Pena, Pepe Barro.

 

+ Mulleres, +Cultura, +Igualdade

 

Novas liñas de apoio a proxectos culturais pola igualdade, comisións e xurados con maior presenza de mulleres, premios que recoñecen iniciativas que loitan contra o machismo, visibilización das obras e recuperación da memoria das mulleres, proxectos educativos para construír un futuro igualitario, arte contra a violencia de xénero... Cultura e Igualdade van de mans dadas na Deputación da Coruña nun modelo de acción política cun obxectivo claro: empoderar as mulleres.

O Plan Revitaliza: unha aposta certeira pola compostaxe

 

A nova normativa sobre residuos vén de avalar a aposta que en 2015 a Deputación de Pontevedra fixo pola compostaxe co Plan Revitaliza. En 2020 será obrigatorio para os concellos recoller todos os biorresiduos urbanos por separado e só os ‘municipios Revitaliza’ parecen preparados para cumprir coas esixencias. O modelo pontevedrés, ao igual que ocorre no ámbito da mobilidade, está xa no foco doutras localidades para servir como exemplo.