#Sermos323: por unha vida libre de violencias

A violencia machista no traballo, as carencias da xustiza contra a violencia machista, o teatro como medio de combate ao feminicidio, entrevista a antropólaga feminista marcela Lagarde… Estes son algún dos contidos deste número do semanario ás portas do 25N, Día Internacional pola eliminación das violencias contra a muller. Un semanario no que tamén entrevistamos a poeta Yolanda Castaño e o marxista Néstor Kohan, adentrámonos en mapas alemán do século XV que falan de Galiza u debullamos a Carta de dereitos do pobo galego… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

‘As carencias da xustiza contra a violencia machista’ A violencia contra as mulleres ocupa unha parte cada vez máis ampla do debate público. E, porén, a lexislación non acaba de funcionar. As carencias materiais dificultan o desenvolvemento de pactos e normas ao respecto. Os xulgados especializados, só dous na Galiza, non dan feito. Algunhas voces esixen iren máis alá e piden unha “despatriarcalización da xustiza”.

Sobre as táboas, sete testemuños reais de maltrato aos que dan vida as actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez. Elas representan, baixo a dirección de Marián Bañobre, tres xeracións de mulleres que evidencian que non hai unha idade nin un perfil para as vítimas da violencia machista. Referímonos a Invisibles, a adaptación do libro de Montse Fajardo producida por Redrum Teatro, a Concellaría de Igualdade de Pontevedra e o Centro Dramático Galego. ‘Facer visíbel o que fica oculto’.

 

‘A violencia machista no traballo’. O machismo ten moitas facianas. A realidade indica que a violencia sobre as mulleres atinxe todos os eidos da vida, incluído o laboral, un ámbito sobre o que apenas hai estatísticas, mais no que as denuncias aumentaron máis dun 17% no último ano.

 

Entrevistamos a antropóloga, académica e investigadora, Marcela Lagarde (Cidade de México, 1948),  unha das figuras con maior relevancia no feminismo: "Son tan crítica co matrimonio como coa prostitución”.

 

Vía Galega, Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, proclamou unha Carta de Dereitos do Pobo Galego ao redor dos seguintes eixos: dereito á existencia, dereito de autodeterminación, dereitos e liberdades, dereitos económicos, sociais, culturais, ambientais, dereito á memoria para ter futuro e dereito ás relacións internacionais propias. ‘Carta de dereitos do pobo galego’.

A Lei de Acompañamento dos Orzamentos volve estar no albo do debate político. A oposición acusa o Goberno galego de “abusar” desta ferramenta para modificar leis evitando debates e fuxindo do control parlamentar. Unha práctica, critican, habitual desde que Feixoo chegou á presidencia. ‘A lei da porta de atrás’.

 

Entrevistamos Néstor Kohan (Bos Aires, 1967), unha das voces máis poderosas, tamén máis rigurosas, do marxismo en Latinoamérica. Na súa conversa convoca con naturalidade quer o pensamento dos grandes vultos da tradición marxiana quer un vídeo de Youtube ao que debruzarnos se queremos estar á última dun movimento que, persuádeme diso, está moi vivo. “Se fas concesións ao neoliberalismo, parte do pobo che vai virar as costas”.

 

Se o PSOE valora agora seriamente a hipótese de avanzar as eleccións non é só polas dificuldades para pactar os orzamentos co bloque independentista catalán. Ten tamén a ver coa convicción de que Pedro Sánchez é neste momento un activo demoscópico por cima do propio PSOE. ‘O PSOE xoga todo á carta de Sánchez’.

 

‘Un músculo que atrofia’. En 2017 comercio e hostalaría achegaban máis á economía galega que industria e construción. En 2018 eran a hostalaría e a construción quen tiraban da economía do país. De 2009 a mediados do presente ano na Galiza perdéronse 18.000 empregos industriais, unha cifra que pode seguir a alargarse.

 

‘O Reino de Galiza nun mapa alemán de 1472’. O Rudimentum Novitorum, do tipógrafo alemán Lucas Brandis, recolle o primeiro mapamundi impreso, de 1472, que presenta Galiza e España como dúas realidades diferentes. Trátase dunha monumental historia da humanidade de 475 páxinas.

 

“Eu quero baixar a poesía das torres de marfil e contaminala de vida e mundo”. Dínolo Yolanda Castaño, con quen conversamos neste número. Corenta poemas virados a banda deseñada por corenta debuxantes diferentes conforman ‘O puño e a letra’ (Xerais, 2018), o volume antolóxico co que a poeta quixo celebrar 40 anos de idade, a inminencia de 25 publicando poesía, e inaugura un novo territorio para as letras galegas: o cómic poético.

O estudoso do patrimonio histórico-artístico, escritor e ilustrador Héitor Picallo documenta a existencia da base dunha columna romana achada na actual igrexa de Santa María de Caldas de Reis e da que non se tiña constancia. Con tal motivo, achéganos á beleza que debuxan as pedras do templo. ‘Observacións romanas na ‘Aqua Celenae’.

 

E non faltan as achegas e colaboracións, como as de Xoán Costa, Iria Veiga, Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Mario Regueira, Ciolectivo Xea, Mercedes Espiño, Andrés Castro, Nachortas e Tokio, Manuel Xestoso, Iolanda Gomis.

 

AFondo

 

Sae este Sermos Escola número oito nun momento en que se fala novamente de reformas educativas. Na LOMCE os elementos ideolóxicos son de especial relevancia e teñen como finalidade adaptar o sistema ao modelo neoliberal, xustificando as medidas postas en marcha cun duplo argumento: a loita contra o fracaso escolar e a loita contra o desemprego. Que hipocrisía. Se as reformas que insinúan non asentan en principios que teñan en consideración o fin último da educación, que non é outro que formar persoas cultas, críticas, solidarias e comprometidas para o cal se precisa un sistema público, laico, democrático, de calidade e galego, podemos anticipar que esa reforma, caso de se chegar a pór sobre a mesa, será unha fraude máis.