#Sermos321: Os porqués do ocaso do Centro Galego de Bos Aires

Máis un número xa saído do prelo: entrevistamos Ana Miranda e Lois Diéguez, debullamos a situación do Centro Galego de Bos Aires, adentrámonos en como a literatura galega abordou o narcotráfico, falamos das fortunas galegas… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Hai poucas institucións no mundo que poidan presumir de 111 anos de vida e de ter alcanzado as 120.000 socias e socios. No caso de Galiza, posibelmente ningunha. Sen un acordo a moitas bandas –desgraciadamente, a demasiadas bandas– Galiza perderá pronto este capítulo fundamental da súa historia. ‘Os intereses que agocha a agonía do Centro Galego de Bos Aires’. Entrevistamos Ramón Suárez, presidente eleito do Centro Galego de Bos Aires, en relación á situación que vive na actualidade unha das máis representativas institucións da emigración: "Non nos pasa pola cabeza vender o patrimonio cultural".

‘1968 en primeira persoa’ Saíu do prelo ‘Galiza 1968. A consciencia avivada’. O volume incluído nas monografías De Nós, impulsadas por Sermos Galiza S.A., chegaralles nos vindeiros días ás e aos asinantes do semanario. Tamén se distribuirá polos quiosques e as librarías de todo o país. Ao fin, o caderno responde á vontade de restaurar un período chave do noso pasado recente dándolle voz á loita dunha xeración que aspiraba a devolver Galiza á historia.

 

Entrevistamos a eurodeputada do BNG, Ana Miranda (Cuntis, 1971), que vén de chegar de América e de visitar no cárcere de Lledoners os presos políticos cataláns.: “Débome ao meu pobo e ás causas que defendo. É unha entregra de vida que asumín”.

 

‘O monte galego en 20 anos será...’ A finais de 2018 ou inicios de 2019 Galiza contará cun novo Plan Forestal, unha revisión do plano de 1992, que marcará a estratexia e política forestal do noso país para os vindeiros 20 anos. Unha cuestión chave sobre a que non hai acordo político.

 

O instituto demoscópico público altera a metodoloxía para predicir os resultados electorais, o que resulta nun fortalecimento do PSOE e na caída do PP. ‘O tendencioso retrato do CIS’. As tensións continúan a abalar o fráxil edificio de Catalunya en Comú, o artefacto político aliado de Podemos e do resto das confluencias, En Marea incluída. A formación lida cunha crise bifronte: por un lado, está o debate sobre o modelo organizativo; por outro, a abordaxe da cuestión nacional. ‘Cada día menos en común’.

‘A Galiza afortunada’. Na Galiza hai actualmente 7.708 persoas que teñen que pagar o Imposto de Patrimonio. É dicir, que son ricas. Acumulan unha fortuna que abeira os 40.000 millóns de euros, que é 4.700 millóns máis que a fortuna que tiñan no ano anterior e 54,4% máis que a de 2011. Un patrimonio que equivale a catro veces os orzamentos da Xunta para 2019 ou a 60% do PIB de Galiza.

 

As traballadoras de elaborados do mar encetan unha folga indefinida o 15 de novembro. Un emprego precario, ao frío e feminizado’.

 

Escritor, dirixente político e activista cultural, Lois Diéguez (Monforte de Lemos, 1944) é unha peza chave do sistema cultural e da vida política da Galiza dos últimos cincuenta anos. Con motivo do medio século da publicación da novela A torre de Babel, conversamos con el para repasar a súa traxectoria literaria e para pensar o país. “Un escritor non está fóra da sociedade, non anda nas nubes, está nun lugar concreto e iso vai diferenciar o seu traballo”.

 

‘Vivir sen permiso e outras historias de Oeste’, o último libro narrativo de Manuel Rivas, estende os territorios narrativos de ‘Todo é silencio’ e indaga no narcotráfico. Mais Rivas é apenas o último da serie de autores que se asomaron ao fenómeno. ‘Literatura que indaga na outra cara da sociedade’.

 

E non faltan as ahegas e colaboración de Xoán Costa, María Pilar García Negro, Xavier Queipo, Rosa Conde, Distrito Xermar, Mercedes Espiño, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, An Alfaya, Miriam Ferradáns.

Afondo

 

‘O espazo público, un dereito elemental’. Os espazos públicos urbanos, as rúas, travesías e estradas constitúen un servizo público básico da mesma orde que a educación e a sanidade e son un dereito elemental para a cidadanía. Con esta filosofía e coa vista posta nas persoas como elementos protagonistas de todas as súas actuacións, o departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra leva tres anos de traballo e os resultados están á vista: ao igual que na cidade de Pontevedra, comezan a chegar os recoñecementos internacionais.