#Sermos320: Un novembro de morte… e magostos

Máis un semanario saído do prelo. A realidade da vivenda social e protexida en Galiza, o fracaso anunciado do Plan Ferrol, cando as mulleres de Présaras teceron a revolución, entrevistamos o actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, achegámonos ao mundo secreto dos órganos históricos… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Galiza está á cola do Estado en vivenda social e protexida. Un posto que non se conseguiu nin por arte de maxia nin por casualidade. As políticas desenvolvidas nestes anos polos gobernos explican que haxan 12.000 persoas demandantes de vivenda protexida. Aliás, en 2017 só se entregaron as chaves de 12 pisos sociais, o que representa 0,2% do total no Estado (5.000 pisos), a peor porcentaxe entre todos os territorios. ‘A extinción da vivenda social’.

‘Tempo dos defuntos, os magostos e variantes importadas’. O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén escribe sobre o Samaín, que en gaélico significa encontro, reunión do presente co pasado, dos de antes, as persoas devanceiras coas de agora. Pon a ollada nas festas agrarias de outono, que fechan o ciclo.

 

‘Cando as mulleres de Présaras teceron a revolución’. En Présaras, no municipio de Vilasantar, a man de obra asalariada era principalmente feminina. Desde finais do século XIX e até os anos 60, as mulleres traballaron nunha fábrica de tecidos. Este feito diferencial marcou a economía do pobo, pero tamén á súa sociedade. Nárrao Marina Chiavegatto no documentario Tecido Resistente, premiado co Luísa Villalta da área de Cultura da Deputación da Coruña, está a percorrer Galiza.

 

A alternativa impulsada polos sectores de En Marea enfrontados á actual dirección liderada por Luís Villares rematou por virar a correlación de forzas no interior deste espazo político. As eleccións telemáticas a realizar entre o 1 e o 3 de decembro, onde se elixirá a nova dirección do colectivo, ditarán a sentenza definitiva e determinarán a viabilidade da convivencia futura entra as dúas grandes correntes da organización. ‘Podemos e EU, decisivos na derrota de Villares’.

Podemos Galiza vén de escoller o seu terceiro secretario xeral. Antón Gómez-Reino, deputado de En Marea no Congreso, é partidario de confluír con outros partidos da esquerda e atópase politicamente próximo a Pablo Iglesias. ‘Podemos Galiza opta pola confluencia’.

 

Mais ódio ao PT que medo ao fascismo . O gigante da lusofonia -o quinto país mais populoso e a quarta democracia do planeta- vai ser governado por um ultra que faz apologia da ditadura e que em plena campanha pronunciou esta frase: “Esses marginais vermelhos serão banidos da nossa pátria. Irão ao exílio ou à cadeia”.

 

‘Demócratas buscan gañar as lexislativas para acurralar Trump’. Estas mid-term elections (as eleccións de medio mandato) non son uns comicios máis. Isto non vai só de renovar o Congreso e un terzo do Senado. En realidade, o que está en xogo é a hipótese de o poder lexislativo ter a posibilidade de submeter Trump a un impeachment.

 

O Goberno central vén de suprimir o principio de discriminación positiva que estabelecera a mediados da década pasada na política de fomento industrial en zonas sensíbeis que sufriran os efectos da reconversión. A comarca de Ferrolterra era, até o de agora, unha delas. Hoxe xa é un feito a desaparición do criterio territorial e, con ela, rematan perto de tres décadas de plans falidos. ‘As pegadas do fracaso en Ferrolterra’.

Nosa Enerxía traballa nunha iniciativa pioneira no Estado español para o desprazamento das persoas socias.  ‘Un carro verde para as cooperativistas’.

 

Entrevistamos Manuel Lourenzo, (Ferreira do Valadouro, 1943), actor e dramaturgo. Recentemente, recolleu o Xograr de Outono no FIOT de Carballo e dentro dun mes fará o propio co Facho de Ouro, premio que lle entregará a Agrupación Cultural O Facho. “O teatro inventado e aínda ninguén puido con el”.

 

Sobreviven en mosteiros, colexiatas, catedrais ou santuarios. Algúns aínda soan na liturxia, pero maiormente van ficando mudos. O patrimonio organístico de Galiza, conformado por arredor dun cento de instrumentos, sofre de certa desidia. ‘O mundo secreto dos órganos históricos’.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Marga Doval, Nahortas e Tokio, Xulio Carballo, Rosa Conde, Colectivo Xea, Pepe Barro, Mario Regueira, Andrés Castro, Montse Penas.