#Sermos319: Galiza, producir, calar e pagar

Máis un número do semanario saído do prelo. Entrevistas a Luis Villares, portavoz de En Marea, e a artista Luz Darriba; 30 anos de ‘Fracaso Tropical’, o disco dos Resentidos tras o cal nada foi igual na música galega; debullamos os Orzamentos 2019, analizamos o por que, de malia ser excedentaria, Galiza vai pagar o recibo da luz máis caro… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Exportamos máis de 30% da enerxía que producimos e aínda así, sendo excedentaria, Galiza vai pagar o recibo da luz máis caro do Estado para compensar as grandes eléctricas. As mesmas que facturaron por conta da enerxía do noso país centos de millóns de euros e pagaron menos de 90 millóns en impostos. A uns 400 quilómetros, de aquí, en Euskadi, as cousas son doutra maneira. ‘Producir enerxía, exportar e calar’.

 

‘Un desfase de hora á altura da China’ Cambio estacional e situación ao respeito do fuso horario son as dúas patas do debate que xira ao redor da hora e que, con cada mudanza, regresa á actualidade. Analizamos estas dúas vertentes a piques de encetarmos o horario de inverno, que pode ser o último en función da decisión que adopte Madrid logo do debate aberto coa enquisa impulsada por Bruxelas.

 

Coas premisas de crear conciencia ambiental e da autoorganización botou a andar en maio de 2018 a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos. Acendéronse as alarmas na comarca de Compostela e máis de 300 persoas asistiron á primeira convocatoria de reunión. As mobilizacións conseguiron incidir na decisión de arquivar o proxecto empresarial para construír un macrovertedoiro e unha planta de residuos en Teo. ‘Plataforma 1 – Vertedoiro de Casalonga 0’.

 

“Eu vin para continuar mentres a xente queira que eu continúe”. Así responde Luís Villares (Lugo, 1978), portavoz de En Marea, en relación á súa continuidade á fronte da formación política, que celebra o seu plenario esta fin de semana. Trátase do primeiro paso de cara á renovación dos órganos de dirección. Entrevistamos o actual portavoz de En Marea neste número.

 

‘As contas da Xunta, en piloto automático’ O proxecto de Orzamentos que a Xunta vén de remitir ao Parlamento galego é apenas aparentemente expansivo. O crecemento en termos absolutos ten a ver co aumento de transferencias desde o Estado e a UE, mais sectores chave, como sanidade ou ensino, continúan dentro da lóxica da austeridade. A oposición critica a falta de ambición das contas de Feixoo e que medran menos do que o fixo o conxunto da economía.

 

‘O independentismo catalán no labirinto’ O procés atravesa horas baixas. A súa esencia, a unidade das forzas independentistas, está en risco, após os tira-puxas entre ERC e JxCat por volta da suspensión de dereitos dos parlamentarios presos ou exiliados, o golpe ao soberanismo inflixido polo xuíz Llarena. O Consello da República, a nova iniciativa de Puigdemont para costurar as fendas, non achou o apoio da CUP.

‘Iglesias dirixe Podemos co guión de Errejón’ Iglesias goberna Podemos con man de ferro, mais faino co libreto do seu rival interno e noutrora fiel número dous, Íñigo Errejón. Do contestatario artefacto político que en teoría saíu de Vistalegre II apenas fica nada. O partido que dirixe agora Iglesias aposta no posibilismo e nun futuro goberno de coalición co PSOE.

 

‘Alcoa, a batalla de todas’. A multinacional anuncia o feche de dúas plantas que lle deron grandes beneficios mentres o persoal defende a súa viabilidade.

 

A suba nun 22% do Salario Mínimo Interprofesional beneficiaría na Galiza máis de 312.000 persoas que, en 2016 –o último con datos definitivos–, cobraron menos de 9.172,80 euros anuais. Que consecuencias terá este aumento para a economía? ‘Un salario mínimo insuficiente’.

 

A historia da amizade de Otilia Meis e María Vidal comeza na cela dun cárcere abarrotado de mulleres republicanas e remata no cemiterio pontevedrés de Santo Amaro, nunha lápida que ten os seus nomes pero só cobre os restos mortais dunha delas. ’Un refuxio para algo máis que dúas pistolas e unha Caixa de balas’.

 

Desde a columna “Foeminas xenéricas”, publicada cada mes en Sermos Galiza, Luz Darriba (Montevideo, 1954) combate o patriarcado. Mais non o fai só desde este espazo, cultiva múltiples disciplinas artísticas que emprega como berro de reivindicación. De aí que se defina como “artista multidisciplinar”. Un concepto que desprende feminismo polos catro costados cando nos referimos a ela, que vén de ser recoñecida co Premio da Cultura Galega na modalidade de artes plásticas e á que entrevistamos neste número do papel.

 

Fracaso Tropical significou unha inflexión no traxecto dos Resentidos. O cuarto elepé da banda máis importante do rock galego introduciu influencias latinas, facilitou a irrupción do rap e despregou lírica brillante e crítica sobre migracións. Fai 30 anos da súa publicación. ‘Músicas heréticas desde o fracaso tropical’.

 

Non faltan as achegas e opinión de Xoán Costa, Marilar Aleixandre, Guillerme Vázquez, Nachortas e Tokio, Mario Regueira, Andrés Castro, Mercedes Espiño, Colectivo Xea, Manuel Xestoso ou Iolanda Gomis.

 

Comprendermos

 

Neste número de Comprendermos, suplemento da Fundación Moncho Reboiras, O monte galego entregado ao empresariado forestalista e madeireiro. O presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, Xosé Alfredo Pereira, analiza o proxecto de revisión do Plano Forestal de Galiza que teima nun modelo de monte insustentábel e pirófito