#Sermos318: Xacobeo 2021, máis espectáculo e máis dispendio

Novo número do semanario e tan completo como sempre: Preguntámonos de vai supor algo o Xacobeo 2021 para a cultura galega, falamos do lucrativo negocio da reciclaxe, debullamos como o custo da vida está a afogar miles de fogares, entrevistamos María Pilar García Negro ( vén de ser recoñecida co diploma ad honorem pola Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas) e Antom García-Reino e Carolina Bascansa, candidatados nas primarias de Podemos Galiza… Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.

Feixoo prometeu solemnemente no debate do estado da nación no Parlamento de Galiza desenvolver unha serie de medidas, tal e como prometera nos debates de política xeral anteriores ou nas súas sesións de investidura. Prometeu e comprometeuse mais, cal foi o percorrido dos principais anuncios do presidente galego en sede parlamentar? ‘As promesas do señor presidente’

‘As empresas envasadoras, detrás do lucrativo negocio da reciclaxe’ Co debate da xestión do lixo sobre a mesa, o lobby da alimentación saca as unllas e pon en marcha campañas de desprestixio do modelo de recuperación e retorno.

 

Conectar a xente nova, e novísima, coa lectura é un dos principais retos de docentes, bibliotecarias ou editoras. Non existen métodos máxicos, pero si algunhas iniciativas que poden axudar a estabelecer ese lazo. A potenciación das bibliotecas escolares e da vida a ela asociada, o formidábel florecemento dos clubes de lecturas ou a inventiva e o traballo miúdo e cotián de profesionais comprometidas son algunhas delas. ‘As múltiples vías cara á lectura’.

 

‘A arbitrariedade do Xacobeo’ O Xacobeo de 2021 foi a grande aposta “cultural” de Alberto Núñez Feixoo no último discurso do estado da nación. Logo de anos de atonía na política cultural, agora parece fiala a un macroevento máis dirixido ás grandes cifras turísticas que á dinamización dos tecidos de base. Analistas do fenómeno temen unha nova mostra de espectáculo e desbaldimento sen apenas repercusión real na cultura de Galiza.

 

“Non é posíbel afrontar os retos de Galiza desde Madrid”, dinos Carolina Bescansa, (Compostela, 1971), que deu o paso adiante e aspira a liderar na Galiza a formación política da que é fundadora.  "A miña candidatura responde ao mandato de unidade das bases", afirma Antom Gómez-Reino,  tamén candidato á Secretaría Xeral da forza morada no noso país.

‘Haddad não consegue criar uma frente anti-Bolsonaro’ Apenas uma milagre política muito improvável poderia barrar o ascenso dum político homófobo, misógino, racista e ultra-direitista à presidência do gigante da lusofonia. Após o seu esmagador triunfo no primeiro turno, Jair Bolsonaro defronta a segunda volta com todas as hipóteses de vitória face o cartaz do PT, Fernando Haddad.

 

En realidade, a ultradereita sempre estivo aí. Ou ben máis ou menos agochada no PP ou en zonas quentes dos poderes do Estado, desde o exército até o xudicial. Agora dá a cara cunha marca ascendente, Vox. ‘A ultradereita española está de volta’.

 

‘Cando o custo da vida aperta e afoga’ A vida ponse cada vez máis cara e os salarios non soben. A ecuación tradúcese en miles de fogares en dificultades.

 

‘Os números da emigración’ Os dados do Instituto Nacional de Estatística non deixan lugar a dubida. Arredor de 78.000 galegas e galegos abandonaron o país desde 2007. Trátase dunha cifra que supera a poboación de Ferrol, moi semellante á de Pontevedra ou equivalente ao número de habitantes da comarca da Mariña.

 

María Pilar García Negro (Lugo, 1953) vén de recoller nun volume editado pola Fundación Manuel María as 33 obras de teatro que deixou o prolífico escritor. Ademais, a profesora da Universidade da Coruña (UDC) e escritora vén de ser recoñecida co diploma ad honorem no marco da XVII Asemblea da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) polos seus estudos sobre Rosalía de Castro e pola súa traxectoria feminista. Conversamos con ela ao respecto.”Hai algo que detesto, a consideración da cultura galega como algo “pequeñito”, limitado, compracido nesa súa pequenez”.

A sección creada por Sermos Galiza para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas céntrase desta vez na presenza dos templarios no país: ‘Os templarios na Galiza’.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Luz Darriba, Mercedes Queixas, Nachortas e Tokio, Rosa Conde, Distrito Xermar, Iago Varela, Julián Bustelo, Colectivo XEa, Mario Regueira, ANdrés Castro, Jasper Nao, Pepe Barro

 

Afondo

 

No número de Afondo que acompaña este semanario debruzámonos sobre o ‘Musigal’. O programa nace da man da Deputación de Pontevedra para achegar a música galega e en galego a toda a poboación. Unha iniciativa pioneira que apoia a creación musical en galego e posibilita que todos e cada un dos concellos pontevedreses poidan programar concertos en directo, profesionais e de calidade. Propostas moi diversas, repartidas en seis categorías, que dan mostra da riqueza e da diversidade das que goza a música galega na actualidade, compoñen un programa de actuacións que comezou o pasado mes de maio e rematará a comezos de decembro