#sermos314: AP-9, unha estafa legalizada

Máis un semanario saído do prelo. Debullamos a defensa popular do patrimonio galego, falamos da loita dos fondos estranxeiros pola AP-9, entrevistamos Guadi Galego, explicamos o inmobilismo na política contra o lume… Todo isto e máis xa na nosa loxa.

Unha macrogranxa de polos ameaza, na densa área rupestre que rodea o monte Farelo, na Ulloa, un valioso conxunto de petróglifos. Na Mariña, o castro da Punta de Benquerencia foi utilizado como aparcadoiro. Foron activistas de base quen contribuíron a que estes feitos trascendensen. E son elas e eles os que están conseguindo, ante a “desidia” da Xunta, situar os problemas na axenda pública. ‘A defensa popular do patrimonio’.

 

‘Por un Lugo libre e inclusivo’. En maio deste ano naceu a plataforma Lugo Sen Mordazas. O seu obxectivo é paralizar a entrada en vigor da Ordenanza de Seguridade e Convivencia, que o Goberno local quere aprobar co apoio do PP e Ciudadanos. Asociacións, colectivos, partidos, sindicatos e cidadanía suman forzas contra unha ordenanza que discrimina e criminaliza os colectivos da cidade con maior risco de exclusión. A cultura, popular e autoxestionada, é a súa principal ferramenta.

O 30 de agosto de 1938 eran agarrotados no cárcere de Lugo os militantes falanxistas Manuel Díaz Gómez “O Chaquetón” e Manuel Castro Castro “O Eirexalba”, acusados do asasinato do dirixente dereitista sarriao Manuel Saco Rivera. Sería este crime un axuste de contas nos núcleos de poder franquista, o derradeiro cometido por esta parella de represores fascistas. Aproveitamos o 80 aniversario da súa execución para recuperar máis un capítulo da represión. ‘O Chaquetón e O Eirexalba: vida e morte de dous verdugos fascistas’.

 

‘Escasa mudanza na política do lume’ O ditame da comisión parlamentaria de estudo sobre os incendios e a política forestal inclúe 123 recomendacións e comprométese á súa fiscalización anual. É, segundo a oposición, a admisión implícita de anos de estratexias trabucadas. O PSdeG apoiouno, mais para En Marea e BNG o documento non responde ao que expuxeron os comparecentes no órgano, ao tempo que critican a súa “escasa ambición” e esixen medidas realmente estruturais.

 

‘Galiza no espello dos 100 días do Goberno de Sánchez’. Finiquitado o Goberno Raxoi coa moción de censura que situou Pedro Sánchez na Moncloa, botou a andar un novo ciclo político, cuxo calado e duración está aínda por determinar. Feitos 100 días do PSOE no Goberno central, a pregunta de rigor a tal altura volve estar sobre a mesa: “E Galiza, que?”.

 

Segunda semana de greve xeral en Costa Rica’ Rexeitamento da reforma fiscal impulsada polo Goberno. ‘A OEA volve axir contra Venezuela’ Luis Almagro amosouse partidario dunha intervención militar. ‘70 aniversario da República Popular de Corea’ Desde a ocupación do imperio xaponés até a liberación nacional e social.

Son apenas 220 quilómetros, de Ferrol a Tui, mais xeraron 2.700 millóns de euros desde a súa posta en servizo, en 1979. Os custos de construción non chegaron a 1.500 millóns. Anualmente factura por volta de 140 millóns e a concesión non caduca até 2048. Por iso o negocio da AP-9 atrae o interese de fondos internacionais, enleados na batalla polo control da matriz da xestora da autoestrada. ‘Os fondos batallan polo negocio da AP-9’.

 

Hai unha década, o biodiésel ocupaba un lugar de referencia nas expectativas de diversificación industrial do país e nas bases dun modelo económico que, como hoxe, fose aminorando o enorme peso dos combustíbeis fósiles no sector do transporte. Porén, esas esperanzas víronse axiña truncadas e o desenvolvemento desta actividade non conquiriu os obxectivos previstos. A día de hoxe, só unha das catro plantas de produción instaladas na Galiza funciona con certa normalidade. ‘O biodiésel na encrucillada’.

 

Estrella Fernández Eirís, sobriña do libreiro da rúa coruñesa de San Nicolás, resgata a historia dun dos asasinados en 1936 no Campo da Rata da Coruña.

 

Entrevistamos  Guadi Galego (Cedeira, 1974), que afronta a fin de xira de ‘O mundo está parado’ que fechou na pasada terza feira en Madrid. O seu EP “A bóla de cristal” pon fin ao ciclo de temática continuísta que xa comezara con ‘Lúas de outubro e agosto’ (2014). No seu último traballo, a autora ofrece cinco temas de creación propia nos que ollar a través da bóla e reflexionar sobre o futuro: “O que mama a música tradicional tena dentro, polo tanto ten que botala fóra. Como queiras botala é a túa escolla”.

 

Cilia Torna recupera para Sermos Galiza máis un capítulo dentro da serie “A Galiza ignorada”, que divulga a nosa historia á marxe de visións estereotipadas. Con motivo do 907 aniversario da súa coroación, bota luz sobre o reinado de Afonso Raimúndez.

 

Non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Luz Darriba, Mercedes Queixas, Mario Regueira, Pepe Barro, Iago Varela, Julián Bustelo, Colectivo Xea, Andrés Castro, Jasper Nao , Tokio e Nachortas.