#Sermos312: o porno non ensina bon sexo

Xenitais de madeira e felpa utilizados en aulas de educación sexual no ensino público en Basilea

Máis un número do semanario saído do prelo. A educación sexual na mocidade, o franquismo que vive alén Franco, a situación de Sargadelos, entrevistamos o compositor Juan Durán e David Rodríguez, autor de ‘O canastro sen tornarratos’. Todo iso e máis, xa na nosa loxa e nos puntos de venda habituais.

A decisión do Goberno do Estado de recorrer á fórmula do decreto-lei para exhumar os restos de Franco do mausoleo de Cuelgamuros está a suscitar unha reacción contraria por parte de nada desprezábeis sectores da sociedade. Alén dos nostálxicos, que os segue a haber 43 anos despois da morte do ditador, existe unha ampla capa social que cre que a medida do Goberno non é máis que fume para desviar a atención dos problemas importantes. Persiste o franquismo sociolóxico ou, no mellor dos casos, certa comodidade no principio de amnesia social? ‘Franquismo alén de Franco’.

 

‘Vigo 1972: os represores’ As folgas obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo abriron unha nova etapa na loita do movemento obreiro galego. Os sucesos de setembro en Vigo, iniciados a raíz dun conflito laboral en Citroën, puxeron a proba a madurez e a resistencia dos traballadores vigueses e evidenciaron a necesidade dunha nova práctica e orientación sindical.

 

A meirande parte das adolescentes artellan a súa idea de sexualidade a través de contidos non filtrados da Internet, o porno e o silencio das figuras de referencia. ‘A educación sexual na mocidade, materia pendente’.

 

“Trátase de delimitar o ermo en que nos atopamos, paso primeiro para que algún día volva medrar a herba”. Sobre esta frase articula David Rodríguez (Vigo, 1975) O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega, un ensaio editado por Xerais que aborda desde o europeísmo á situación de Galiza como nación sen Estado no marco da UE, pasando polo 15M ou o piñeirismo. Falamos co seu autor: “Unha reforma que vaia no sentido de favorecer as clases populares ten que poner en cuestión o sistema euro”.

 

Setembro marca o inicio dun novo curso político na Galiza, unha decena de meses que vai ter un dos seus puntos destacados nas eleccións municipais previstas para maio. Mais non vai ser esta a única meta voante que o pelotón político galego debe afrontar neste novo exercicio. ‘Curso político contra a inercia’.

 

‘O Goberno Sánchez: moitos xestos, algúns bandazos e poucas mudanzas’ O deliberado incumprimento de promesas como a derrogación da reforma laboral, a revisión do sistema de pensións ou unha nova reforma fiscal, marcan unha lexislatura na que o principal obxectivo do PSOE é asegurar as súas posibilidades electorais en 2020. ‘Os lazos: a obsesión de Ciudadanos’. A ofensiva identitaria do españolismo só procura gañar visibilidade

 

Con recursos perante as Nacións Unidas, que xa mandataron que a súa candidatura debe ser garantida, e o Tribunal Superior Electoral (TSE) que a tombou, Lula e os partidos da esquerda que o apoian tencionan evitar a súa exclusión da carreira electoral. ‘Lula mantén o pulso contra a impugnación da súa candidatura’.

 

BBVA e Santander tremen pola crise dos emerxentes’ A lóxica da financiarización da economía conduce Turquía e Arxentina ao colapso.

 

Sargadelos, a marca que mellor representou aquela aposta de Díaz Pardo e Seoane por crear unha Bauhaus galeguista, volve ao epicentro da polémica, un escenario que coñeceu ben nestes anos mais que parecía ser pantalla pasada. A ameaza do seu administrador de despedir a metade do persoal convulsiona unha empresa que é moito máis que unha factoría. ‘Sargadelos, o devalar da man dunha deserción’.

‘Galiza nun mapa provenzal do século XII’. É un dos poucos exemplos coñecidos da cartografía provenzal e responde a unha estrutura TO, un modelo que sitúa a teoloxía no centro. O mapa non deixa dúbidas de que naquela altura Gallicia e Hyspania servían para denominar realidades diferentes e non se refire a ningún reino en Europa como León ou Castela.

 

Considerado como o máis importante compositor galego da súa xeración e o de maior proxección internacional, Juan Durán (Vigo, 1960) estrea o 11 de outubro no auditorio do Escorial, en Madrid, Whispers in the Dark, coa que gañou o premio Reina Sofía de Composición Musical, un prestixioso recoñecemento a unha excelsa obra de música de cámara, vogal, sinfónica e escénica. Falamos con el para este número: “As orquestras públicas teñen necesariamente que cubrir unha cota de música galega".

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Marga Doval, Xulio Carballo, Mario Regueira, Colectivo Xea, Belem Tajes, Andrés Castro e Montse Pena