#Sermos311: Pisos ‘ilegais’ e precariedade, a outra cara do turismo

turismo (1)

Máis un número que xa podes ver na nosa loxa. A realidade das camareiras de pisos (kellys) na Galiza e o alugueiro turístico, o argumentario españolista da dereita no noso país, entrevistamos a franco-galega Mounqup, ou afondamos en proxectos de rexeneración do monte queimado. Todo iso, e máis, xa neste número.

É outra das caras da moeda do turismo. A clientela apenas repara nelas, pero o labor das camareiras de piso é fundamental. Entre 2.500 e 3.000 mulleres traballan na Galiza limpando hoteis, pensións ou albergues. O ritmo do día a día e a fraxilidade da súa situación provocan nas mulleres doenzas físicas, estrés e ansiedade. ‘As camareiras de pisos queren varrer a precariedade’.

 

‘Coa ollada nun monte reverdecido’ O lume é un dos grandes problemas do país. Todos os veráns, practicamente sen excepción, milleiros de hectáreas no país, case todas no rural, son destruídas polas lapas, deixando tras de si unha paisaxe desoladora que, se ben é partillada con outros territorios do noroeste peninsular, na Galiza acada unha magnitude enorme. Porén, detrás de cada lume ábrese unha oportunidade de emenda.

“Fillos da Pasionaria. Dinamiteiros. Vós. Hai que queimarvos como se queimou aos xudeus”. Son palabras atribuídas a Petronilo Nieto, un xesuíta que se converteu no demo da terra para os presos da illa de San Simón. ‘O Padre Nieto, outro verdugo en San Simón’.

 

‘A vella España no novo discurso’. PP e CS compiten no Estado nun argumentario españolista e extremista que tamén abeira Galiza.

 

‘Grecia: acabou o resgate, mantense a intervención’. Os chamados resgates de Grecia tiveron un único efecto positivo: asegurar o pagamento da débeda externa. A nivel interno, após oito anos de recortes, a economía helena fica desertizada, a poboación empobrecida e a débeda aumentou un 70%.

 

O economista arxentino e presidente da Fysip, Julio C. Gambina, analisa as medidas do recente ‘Programa de recuperación, crecemento e prosperidade económica’ impulsado polo Goberno de Nicolás Maduro. ‘Venezuela nun novo intento cara a unha política soberana’.

 

‘Un acordo histórico no mar Caspio afianza Eurasia’.  Os presidentes de Rusia, o Irán, Acerbaixán, Casaquistán e Turcomenistán subscribiron a Convención sobre o status legal do mar Caspio, após dúas décadas de negociacións.

 

A proposta da Unión Europea de eliminar todos os gravames ao autoconsumo enerxético e a tramitación da proposición de lei no Parlamento do Estado para favorecer esta tecnoloxía abren un novo panorama que debería substanciarse nunha maior demanda de instalacións deste tipo na Galiza. ‘Adeus ao imposto ao sol?’.

 

‘O negocio do alugueiro turístico desborda na Galiza’ Miles de vivendas na Galiza están a destinarse ao alugueiro turístico a cabalo do éxito das plataformas dixitais que facilitan este servizo. Un boom que tamén ten consecuencias, e non poucas, para a poboación residente. Xa son 6.000 as vivendas turísticas rexistradas mais o número de existentes multiplicaría até por 5 esa cifra.

Mounqup é o alter ego de Camille Hédouin (Rouen, Normandía, 1986). A súa música foxe de etiquetas, pois os seus loops e samplers soan tribais con moita influencia de jazz, música electrónica e soul. Aínda que din dela que é a Björk galega, posúe un estilo propio, hipnotizador, en que a lingua e a problemática social están presentes. Durante este verán o seu nome estivo no cartaz de festivais como o Sinsal ou o Noroeste, ademais de formar parte do concerto Compostela, Territorio das Mulleres. Con tan só dous discos editados, ten no seu haber o premio Fran Pérez “Narf” da Deputación da Coruña 2017 e o Martín Códax 2018. “A xente ve máis críbel un mozo que manexa máquinas, compón e produce só que unha muller que fai o mesmo”.

 

‘Un campamento romano por conquistar’. Hai pouco máis de dous mil anos, era tempo de conquista. Soldados romanos penetraban nun territorio onde, unha vez asentados, construirían vivendas, calzadas e murallas que hoxe en día aínda poden ser apreciadas. Porén, do lento avance dos exércitos facendo camiño por brañas, outeiros e bosques só fican ruínas, ringleiras de pedras que cómpre ler con ollo experto para poder recoñecer a pegada humana que rexementos de até mil soldados poden deixar ao seu paso.

 

E as colaboracións e achegas de María Reimóndez, Xoán Costa, Latuff e Tokio, Guillerme Vázquez, Mario Regueira e Andrés Castro.