#Sermos310: Malta e o nicho fiscal para construtoras galegas

Máis un número do semanario saído do prelo. Entrevistamos María Xosé Queizán e o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A, Xoán Costa; tomamos o pulso do estado do fútbol gaélico feminino en Galiza após o triunfo da selección en Europa, desvelamos como as construtoras galegas están a desembarcar no nicho fiscal de Malta, debullamos as mil vidas da banda deseñada galega… Todo isto e máis xa na nosa loxa.

O Consorcio Internacional de Xornalistas de Investigación –o mesmo que desvelou os Panamá Papers e os Paradise Papers– publicou os datos de 80.000 empresas rexistradas na Autoridade de Servizos Financeiros de Malta. Reaccionou así tras o asasinato da xornalista Daphne Caruana Galizia e as noticias que identifican a illa como o novo destino favorito para quen buscan pagar menos impostos. Entre as ducias de nomes galegos nese rexistro mercantil, relocen os de dúas das empresas máis importantes da obra pública galega, San José e Puentes y Calzadas. ‘Construtores galegos desembarcan en Malta’.

 

‘Elas marcan o ritmo de xogo’. Cunha selección invicta no campionato europeo, o fútbol gaélico feminino pisa firme no país, onde xa xogan unha decena de equipas.

"Estou certo de que teremos un diario en papel". O presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A., Xoán Costa, explica nesta entrevista os resultados da campaña de promoción de Sermos O Diario Galego e as liñas de traballo en que se insistirá nos próximos meses co obxectivo de acadar a 31 de decembro de 2018 as 3.000 subscricións necesarias para poñer en andamento o xornal en 2019.

 

Abel Caballero (Ponteareas, 1946) goberna en Vigo desde 2007 e desde 2015 faino cunha ampla e cómoda maioría absoluta. Polémico, populista, localista, o alcalde vigués construíu un personaxe que engole a persoa e na que Vigo vai camiño de ser a súa cidadeestado, desligada de calquer proxecto con, para ou de Galiza. ‘Abel Caballero, o alcalde alfa e omega’.

 

‘Julian Assange, asilo ou reclusión?’ Sen teléfono, internet nin acceso a visitas, o fundador do portal Wikileaks viu convertido o seu asilo nun “confinamento perverso”, en palabras dun dos seus avogados. O Goberno de Lenín Moreno recoñece estar buscando unha maneira de poñer fin ao seu abrigo diplomático.

 

Manuel Mera fainos un breve retrato do legado de Samir Amin, un dos pensadores marxistas de maior relevo nas últimas décadas, recentemente falecido en París. ‘Samir Amin, marxismo para a acción’.

 

O Iemen, a guerra invisíbel que non cesa’. Sete anos dunha guerra silenciada malia representar, segundo a ONU, “a maior crise humanitaria da actualidade”. A complicidade dos EUA e a súas potencias aliadas coa Arabia Saudita pon en evidencia os intereses xeoestratéxicos que empurran o conflito.

O Goberno español traballa para aplicar a inicios de 2109 un paquete de medidas nas tributacións de combustíbeis, medidas que van ter efectos nomeadamente significativos entre as condutoras e condutores galegos: Galiza vai ser do territorio máis afectado por este gravame. ‘Madrid encarece a factura enerxética de Galiza’.

 

‘A vida en norte de Manuela Abuín’. Na madrugada do 15 de agosto de 1936, os fascistas, encabezados polo veciño do lado, sacaron da casa o carrilexo Antonio Meaños para pegarlle un tiro. Levaron tamén os catro patacóns que gardaba, a novela que lía a medias coa muller, Manuela Abuín, e a vida que ela tería que ter vivido. Porque a partir de aí Manuela seguiu existindo, pero xa non tivo máis vida.

 

Entrevistamos María Xosé Queizán (Vigo, 1939). Recíbenos nunha cafetaría, ao pé do seu fogar, na que é habitual. “Teño completamente asustados os homes cos que chateo”, ri. Escritora, catedrática de Lingua e Literatura Galega, referencia do feminismo, Queizán vén de ser homenaxeada por centos de mulleres galegas pola súa fecunda traxectoria e polas súas achegas á teoría feminista e tamén vén de ser recoñecida co Premio Lois Peña Novo pola súa promoción do galego. “Nas memorias non vou a por ninguén, mais o que foi, foi”.

 

‘As mil vidas da banda deseñada galega’. A banda deseñada galega atravesa un vizoso intre creativo pero complexos problemas estruturais. As dificultades editoriais ou a falta de apoio institucional atópanse entre os máis citados. Porén, a aparición de autoras e autores non cesa.

 

Non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Mario Regueira, Mercedes Queixas, Luz Darriba, Latuff, Tokio, Andrés Castro