#Sermos308: a débeda pendente das fosas

Imaxe ARMH

O mapa da infamia fascista na Galiza aínda está por elaborar, unha vintena de tumbas escavadas e arredor de 250 peticións pendentes en Galiza; un tema que tratamos neste semanario. Un número no que entrevistamos o escritor Pedro Feijóo,  falamos como a CIA espiou o nacionalismo galego desde Portugal, ou cómo as grandes eléctricas lle pasan a factura a Galiza. Todo isto e máis, xa na nosa loxa.

O mapa da infamia fascista na Galiza aínda está por elaborar. O desleixo administrativo, cando non a aberta belixerancia, deixan en mans de militantes e persoas voluntarias traballos como o de exhumación de fosas. Arredor de vinte foron escavadas, pero a singularidade da represión no país engade dificultades ao labor de restitución da memoria. Analizámolo cando está próximo a conmemorarse o Día da Galiza Mártir. ‘Desenterrar a memoria’.

‘A CIA espiou o nacionalismo galego desde Portugal’ A documentación desclasificada nos últimos anos polos servizos secretos norteamericanos e europeos achegou unha interesante información sobre Galiza que merece ser divulgada. Até o de agora fomos coñecendo diversos relatorios sobre a actuación do nacionalismo galego nos anos trinta e corenta, a guerrilla antifranquista ou as redes dos nazis e dos aliados no país. Hoxe achegamos unha información sobre o seguimento que fixo a CIA da UPG na altura de 1975.

 

Paseniño, máis do desexábel, foise desprendendo Ferrol dos vestixios simbólicos do franquismo. E se ben todos os actos de restitución ou retirada foron máis ou menos traumáticos, non é menos certo que o proceso está aínda por se completar. Permanecen aínda, máis dunha década despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica (2007), escudos e placas que lembran que durante máis de catro décadas, até 1982, Ferrol tivo un apelido ominoso. ‘Ferrol con (algo de) caudillo’

 

‘Os sectores críticos xuntan forzas para mudar a dirección de En Marea’ A participación de Podemos e EU podería mudar a correlación de forzas para construír unha maioría alternativa.

 

A xestión e administración do territorio galego semella un crebacabezas complexo no que conviven 30.000 núcleos de poboación e 313 concellos. Un mapa no que figura sen poder nin peso real a comarca, entidade con recoñecemento expreso no Estatuto do 81 mais que fica sen desenvolver, fanando así outro modelo de país posíbel. ‘Comarcas como alicerce doutra Galiza’.

 

As xestoras de fondos de investimento Vanguard, State Street e BlackRock. ‘Tres xigantes financeiros dominan o capitalismo global’.

 

Esgotado o marco autonómico, o debate sobre o estatus político de Euskadi ábrese paso retratando os diferentes actores políticos. O seu desenvolvemento determinará se contribúe ou non a alargar o apoio social á causa da soberanía. É a ollada de David Pena, avogado galego residente en Euskal Herria. ‘Un novo estatus para Euskadi?’

‘Galiza apanda coa factura das grandes eléctricas’. Galiza, malia ser excedentaria, vai pagar o recibo da luz máis caro do Estado para compensar as eléctricas polos impostos autonómicos que pagaron. Cada galega e galego desembolsará 16 euros fronte aos 30 céntimos por madrileña e madrileño -territorio que non produce nin un só megavatioou os cero euros dos habitantes de Euskadi.

 

Coñecido como o Anónimo de Rávena ou o Ravennate, foi elaborado por un monxe da cidade italiana de Rávena aproximadamente á volta do 670. Este mapa documenta de xeito claro a realidade política galega do século VII. ‘Galiza no grande mapa europeo do século VII’.

 

Pedro Feijóo (Vigo, 1975) apareceu practicamente da nada coa súa primeira novela, ‘Os fillos do mar’ (Xerais, 2012). A estas alturas, a obra –a medio camiño entre a literatura de aventuras e o xénero policíaco– leva despachados máis de 50.000 exemplares. “Se existe algunha clave do éxito, é escribir pensando en que do outro lado hai lectores”, explica na entrevista neste número.

 

O Castro Lupario localízase entre as parroquias de San Xulián de Bastavales (Brión) e Ribasar (Rois). A lenda sitúa nesta acrópole a residencia da Raíña Lupe. Explícao, para Sermos Galiza, o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén. ‘Sitos e lendas arredor de Compostela e Lupa’.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, David Otero, Marga Doval, Tokio, Mario Regueira ou Andrés Castro.