#Sermos307: Por que o combustíbel é tan caro na Galiza?

Máis un semanario saído do prelo. Debullamos por que na Galiza pagamos o combustíbel máis caro, entrevistamos o  xeógrafo Xosé Constenla, a zoqueira Elena Ferro e David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarréper les Minories Ètniques i Nacionals (CIEMEN), preguntamos a analistas como fica o PP na Galiza após Raxoi, falamos do impacto dos recortes de verán na sanidade galega… Todo isto e máis xa na nosa loxa.

Retrasos na expedición de citas, demoras excesivas nas salas de espera dos centros de saúde, profesionais saturadas e saturados… Estas son algunhas das consecuencias da política de substitucións do Sergas nos meses de verán e que son cuestionadas pola maioría de axentes que interveñen na atención primaria. ‘Un verán calquera na sanidade galega’.

Entrevistamos o xeógrafo Xosé Constenla (Santiago de Compostela, 1980), que publicou ‘O colapso territorial en Galiza’ (Galaxia, 2018). Explica que cómpre analizar o espazo en que sucede a vida e relata como as lóxicas do capital desartellaron a paisaxe galega e, polo tanto, a vida que nela sucedía. “Moitas veces o nacionalismo e a esquerda idealizan a vida na aldea”.

 

Comezan a ser frecuentes as noticias que informan da observación de cetáceos nas augas galegas. Mais a presenza de mamíferos mariños é natural na Galiza. Tamén a das crías de quenlla. Alfredo López, biólogo da CEMMA, explícanos como actuarmos e a que se debe tanto avistamento. ‘Non máis quenllas, pero si máis cámaras’.

 

‘As nacións sen Estado rexeitan a monarquía’. 55,4% da poboación galega aposta na república como forma de gobernó. A monarquía xa non é a forma de goberno preferida polas galegas e galegos. Malia que a coroa segue a gozar do apoio maioritario da cidadanía do conxunto do Estado, o groso da sociedade galega e do resto das nacións sen Estado do espazo ibérico declárase republicano.

 

‘O PP na Galiza despois de Mariano Raxoi’. Analistas e colaboradores de Sermos Galiza debrúzanse sobre o novo escenario: María Pilar García negro, Antón Losada, María Xosé Porteiro, Antón Baamonde e Miguel Anxo Bastos.

 

‘Colombia, a difícil conxuntura para quen aposta na paz’. A efectivización, ou non, dos acordos de paz marcará o futuro próximo. ‘Os Brics apostan nun novo sistema de relacións internacionais’. As cinco potencias emerxentes defenden o multilateralismo e opóñense á guerra comercial.

 "Non había plan claro para despois do 1-O". Falamos con David Minoves, presidente do Centre Internacional Escarréper les Minories Ètniques i Nacionals (CIEMEN) e fai parte do Secretariado Nacional da Assemblea Nacional Catalana (ANC). Nesta conversa, e desde unha perspectiva (auto) crítica, analiza o referendo de autodeterminación catalán do 1-O e o que viu despois.

 

Co verán chega tamén a suba estacional dos prezos do combustíbel, que na Galiza xa son de por si uns dos máis altos do Estado español. O sector está en proceso de transformación coa implantación de estacións de servizo desatendidas, unha medida que a Xunta cre que permitirá o abaratamento dos carburantes; as gasolineiras tradicionais dubidan de que esa sexa a medida que precisa o sector e para a persoa consumidora. ‘A guerra das gasolineiras’.

 

‘Mulleres rexas no Porriño do 36’. O terror fascista foi especialmente cruento con tres familias do Porriño relacionadas entre si: os Francés, os Valverde e os Fernández Miniño. A barbarie matou sete dos seus membros e condenou á rapa, ao cárcere e á soidade as mulleres. A pesar diso, elas foron quen de deixar fondas leccións de dignidade e solidariedade.

 

“A xente non quería saber máis de zocos nin de pan de millo”. A Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces, 1975) débeselle a recuperación e dignificación dos zocos. Do seu obradoiro saíron milleiros de pares de zocos nos últimos cen anos. Mamou desde pequena o oficio, “os meus xoguetes eran as ferramentas que usaban meu pai e miña tía”, e ese amor polo que fai levouna a investigar e apostar na reinvención dun calzado que sufriu o golpe do autoodio a finais dos anos setenta. Sempre, desde o respecto ao zoco tradicional, que é a base do seu traballo, e en galego. Falamos con ela neste número.

 

‘Como Portugal salvou o cinema’. A 26ª edición de Curtas de Vila do Conde (Portugal) cumpriu cun dos seus principais obxectivos: a divulgación do cinema que non é visto noutro lugar. O crítico Martin Pawley ofrécelle a Sermos Galiza a ollada dun festival que contou cunha programación ecléctica. Eis a súa visión sobre as obras destacadas.

 

E non faltan as achegas e colaboracións de Xoán Costa, Luisa Couceiro, Latuff e Tokio, Guillerme Vázquez, Mario Regueira, Andrés Castro.