Todas as imaxes, todas as voces deste Día da Patria Galega 2018

O #Sermos306 recolle as distintas visións dunha nación común

O número 306 do semanario —xa na nosa loxa, esta quinta feira 26X nos puntos de venda habituais— ofrece os distintos ángulos desde o que se pode ver o Día da Patria Galega.

Novo mergullamento do Sermos nas diferentes visións que teñen as distintas forzas políticas da grande mobilización de enerxías sociais co que o país se expresa cada 25 de xullo na defensa dos seus dereitos nacionais. Ese é o tema de primeira co que abrimos máis un número do semanario.

 

Alén do Día da Patria Galega, Sermos continúa a indagar na memoria e desta volta resgatamos a revolta contra o encoro de Vilagudín, loita social que nos retrotrae a 1979. En política o semanario pon o foco neste número 306 na paisaxe despois da batalla vivida no PPdeG e damos conta de que a vitoria de Pablo Casado traslada as hostilidades á pelexa polas listas que o partido formulará nas próximas eleccións municipais. Completamos sección cun relato sobre o fin do curso no Parlamento de Galiza, coa aprobación dos orzamentos para 2019 no horizonte.

 

Canto á información internacional, e da man da análise de Xabier Pérez Igrexas, afondamos no que hai detrás das guerras comerciais que libra a administración de Donald Trump, e o que achamos é basicamente o confronto entre Washington e Beijing por ser a primeira superpotencia económica do planeta. O ollo ao mundo bótallo tamén Ana Miranda, eurodeputada do BNG, cunha diagnose sobre o Foro de São Paulo.

 

Canto á economía, Margarida Corral móstranos como a desigualdade no mundo do traballo continúa inalterada, a pesar do grande suceso das mobilizacións feministas do 8M.

 

E non hai Sermos sen Fóra de Serie. Alén das seccións habituais, o caderno de cultura do semanario contén unha conversa de Daniel Salgado coa escritora Marica Campo —"Sempre se pon máis en dúbida o que facemos as mulleres"— e unha reportaxe sobre as voces emerxentes do novo ensaio crítico galego, con nomes como David Rodríguez, Rebeca Baceiredo, Roberto Abuín e Xosé Constenla.