Xa na nosa loxa

O #Sermos305 debrúzase sobre as cinco décadas do Día da Patria Galega

Imaxe dun Día da Patria

No novo número do semanario, esta quinta feira nos pontos de venda habituais e xa na nosa loxa, propómosvos unha viaxe no tempo, até 1968 e de volta ao presente. Dedicamos 12 páxinas do #Sermos305 a facermos ese percurso. E non o facemo sós, senón na compaña de voces tan senlleiras como as de Pilar Allegue, Lois Diéguez, Saleta Goi, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez e Xesús Sanxoás.

Un relato coral sobre o medio século decorrido entre aquel 1968 e este 2018. Iso é o que formulamos neste #Sermos305, da man de protagonistas desta andaina colectiva. Doce pequenas entrevistas que completamos cunha conversa xa máis demorada de María Obelleiro co historiador Xusto Beramendi, da que espigamos aquí o seu titular: "Non pode haber nación sen día nacional".

 

Alén de historiarmos someramente estas cinco décadas, investigamos como puido sobrevivir o Día da Patria Galega no exilio durante a ditadura e oferecemos tamén unha axenda dos actos programados polas distintas organizacións políticas para este 25 de xullo.

 

No mesmo cadro do Día da Patria Galega —en concreto na axenda dos eventos organizados por volta do Festigal— terá lugar a última das apresentacións do Sermos Diario Galego, o xornal en papel cuxo lanzamento preparamos con todo esmero para 2019, e diso tamén informamos neste #Sermos305. No Festigal poremos así o ramo a un ciclo de actos que se teñen desenvolvido por todo o país adiante coa participación de por volta de 1.500 persoas. Estamos na recta final e o obxectivo continúa a ser o do principio da carreira, alcanzar as 3.000 subscricións que tornen viábel o proxecto. O último día para formalizar a asinatura é o 31 de xullo.

 

Xa fóra das lindes do DPG2018, e nas páxinas de Internacional, o #Sermos305 inclúe a segunda das entregas de Bruno Carvalho sobre a vida en Donbass e unha información da autoría de X.P. Igrexas sobre a reforma constitucional en curso na Cuba socialista, un proceso que visa reafirmar o compromiso da maior das Antillas a prol da construción dunha sociedade alternativa ao capitalismo.

 

Na sección de Economía analisamos a caída dos investimentos en obra pública rexistada no noso país e deitamos o ollar sobre o proceso de concentración, oligopolización, que se veu rexistrando no sector bancario galego, con 5 marcas a controlar na práctica todo o mercado.

 

Canto ao Fóra de Serie, alén das seccións habituais, botamos un ollo ao pop rock galego, cunha entrevista de Daniel Salgado a Roberto Sobrado sobre o último traballo deste artista, Proletarios del rock and roll. Rock no Fóra de Serie e rock no Caderno de Verán, desta volta un monográfico sobre o festival Rock en Cambre, con colaboracións de auténtico luxo. Pasen e vexan: Antón Reixa, Julián Hernández, Fran Velo e Santiago Romero.